Un accidente automobilístico truncaba no 2016 a xira do novo proxecto de Os Resentidos. O seu cantante, Antón Reixa, caía nun coma durante 18 días, do que lograba finalmente recuperarse. Hoxe, un ano e medio despois do susto, o grupo dos 80 volve aos escenarios para retomar polo San Xoán a presentación de Fai un sol de carallo Suite, unha combinación de temas vellos e novos que interpretarán a partir das 00.15 horas en Riazor.

- Como está a vivir a volta aos escenarios?

-É unha cousa moi emocional. O sábado á noite vou subir a un escenario moi preto do hospital Modelo, onde fai un ano e medio estaba debaténdome contra á morte cun coma inducido. Pensar que podo estar aí cantando é especialmente emotivo porque, despois do accidente, nin eu mesmo sabía se podería estar en condicións de actuar.

-Xa o está?

-[Ri] Teño que ter en conta os meus 61 anos. Segundo algún seguro privado estou un 20% morto, porque me pagaron o 20% do que era a indemnización por morte co accidente. Pero estou como estaba no directo que se gravou no 2016.

-Como retomaron ese Fai un sol de carallo Suite ?

-Aconteceu dunha forma moi espontánea. Quero entender que ten que ver ca inclusión do repertorio de pop rock galego dos 80 que houbo na serie Fariña. Iso volveu a mirada de moita xente cara a música dos 80, e houbo que improvisar unha banda para atender unhas cantas peticións que hai para este verán. Imos coa ilusión de percorrer parte do noso repertorio máis coñecido, e imos presentar tamén algunhas cancións novas que están incluídas no disco que sacáramos no 2016.

-O disco veu logo dun reencontro polos 30 anos de Os Resentidos. Tiraba moito a nostalxia?

-Para min foi sobre todo o aliciente de escribir novas cancións. Curiosamente, nas novas que escribimos volvemos reincidir nunha liña moi rabuda. Ademais, volvemos cun ingrediente importante, que era algo que nunca fixeramos, un disco en directo, coa colaboración da Lira de Ribadavia.

-Con ela falan de temas como a crise económica en Antisistema , por exemplo.

-Si. Antisistema fabula unha presunta solución contra a crise, que é que pasaría se cada un na casa tivese unha impresora que lle permitise imprimir cartos de curso legal. É unha chamada á autoxestión monetaria. Logo, no concerto, tamén facemos unha versión dunha canción mítica dos Beastie Boys. Collimos Fight for your right e, con moi poucas variacións, lle encaixamos o poema de Rosalía A xustiza pola man. Tamén están as nosas cancións máis difundidas.

-E seguen vixentes as denuncias dos seus primeiros traballos?

-Ademais do noso repertorio máis reivindicativo sobrevive e aguanta ben. Como unha canción que fixemos nesa época, Economía somerxida. Segue habendo un problema moi grande, porque está tan precario o mercado laboral que hai moito mercado negro de traballo.

-Están máis resentidos hoxe que nos seus inicios, logo?

-Estamos moi enfadados. O mundo non cambia. Por unha parte, sempre queda en pé a bandeira da esperanza. Porén, é unha frustración constante que o sentido común non acabe de asentarse. Eu estoulle moi agradecido á vida, porque tiven sorte e puiden facer as cousas que me gustaron pero, ao mesmo tempo, sempre experimentei a contradición de estar totalmente en desacordo co mundo no que vivín.

-O mundo non cambiará, pero, e vostedes?

-Agora hai incorporación de novo talento, e hai unha gran diferencia. Hoxe os músicos novos en Galicia teñen maior formación musical. Cando nós empezamos nos 80, éramos dunha cultura punk na que incluso estaba ben visto tocar mal.

-Vostede deixou a docencia pola música. Había esa enerxía de lanzarse ao escenario?

-Era un momento de efervescencia creativa. O que se produce é unha conquista popular do ocio. De repente, a xente conquista o seu tempo libre, empeza a gozar dos concertos, da noite? Hoxe, mudaron moito as circunstancias. Artísticamente hai máis talento que antes, pero non temos repercusión na vida social. Semella que o talento está sempre por descubrir.

-Non lle convence o que se descobre?

-A música máis babosa é a que parece ocupar o primeiro plano. Non comprendo, por exemplo, a fascinación que houbo esta temporada con Operación Triunfo. Nós eramos como unha sorpresa. Agora a cantidade de música alternativa é enorme, pero está en primeira liña esa máis ñoña.