"Galicia está no finis terrae de Europa, lonxe de todo. Valdeorras está lonxe de todo, dentro de Galicia". Así comeza Miguelanxo Prado o seu novo traballo de ilustración, Valdeorras, un diario de viaxe sobre as paisaxes e a cultura do viño da comarca ourensá. A súa historia desde o tempo dos romanos, as pegadas daquela época nos seus monumentos e os seus procesos de vendima os retrata o coruñés no seu novo proxecto, que presentaba onte logo de catro anos de investigación e viaxes á zona.

"Este libro é o resultado de pesquisas, de conversas e de dúas visitas nas que estaba de turista incómodo, deses que meten o fouciño", explicou con humor na rolda o debuxante, que asegura que non se fixo "de rogar" cando a marca de viños lle propuxo a realización desta peza. Aquilo aconteceu en 2014, tempo que semella de máis para apenas 70 páxinas. Pero os libros, apunta o autor, "levan tempo, coma o viño". "Cos anos que levo na profesión, podería telo feito en tres meses, pero esa non era a intención. A intención era transmitir o entusiasmo da comarca e dos viños, poñer en relación a contorna cultural co espazo no que se fan", contou o artista, que non dubidou en marchar a Valdeorras para levalo a cabo.

Á comarca chegou en setembro, no tempo da vendima. De entre todas as de Galicia, a de Valdeorras é a máis longa, e nela atopou o autor as tensións propias daquelas xornadas de traballo, nas que cada paso é crucial. "Descubrín que a xente está durante un mes ao borde dun ataque de nervios, porque isto de facer viño parécese ao xogo das sete e media: ou te pasas ou te quedas curto", lembrou o ilustrador, que aproveitou a viaxe para debuxar paisaxes, adegas e monumentos. A zona de Seadur, a Ponte da Cigarrosa, o mosteiro de San Miguel ou as beiras do Sil son algunhas das estampas coas que o autor acompaña as súas descricións sobre os tipos de terra ou uva. A historia da comarca faise tamén un oco no interior deste diario, que repasa no seu camiño o pasado romano e mesmo templario do lugar.

"Para min foi toda unha experiencia. Pareceume un destes agasallos que de cando en vez da a vida, porque permitiume xuntar as miñas tres paixóns: viaxar, o viño e debuxar", afirmou Prado, cuxa investigación contou cunha segunda visita en novembro. O resultado de ambas foron preto dun centenar de debuxos, que o coruñés tivo que peneirar ate un total de 40. Amosar a paixón do viño, e os "elementos intanxibles" como o contraste entre o ritmo frenético da vendima e a calma do val foron os criterios empregados polo debuxante que, malia os tintes comerciais do traballo, define Valdeorras como unha obra "moi especial". "Este non é un libro máis no meu currículum, debido ao vínculo que tiven coa comarca", asegurou o autor, que descubriu no seu proceso novos "matices" non incorporados ata entón nos seus traballos.

O responsable de novelas gráficas tan submarinas como Ardalén, tivo que afrontar neste libro o desafío cromático de ríos e encoros, que non tiña plasmado antes na súa traxectoria. "A auga doce non se parece nada ao mar. Decateime de que non pintara agua doce na miña carreira, aínda que farteime de pintar mares", apuntou Prado, feliz de "ter para cociñar un ingrediente novo", malia ter tido que darlle "moitas voltas" a varias imaxes.

Feira do Viño de Valdeorras

Con elas, o autor abre a colección de cadernos de viaxe que aparecerán desde agora dentro de El Patito Editorial. Unha das súas editoras, Gemma Sesar, estivo xunto a Prado na presentación do volume, así como José Luis García, presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Valdeorras, que enmarcou o acto na cata de viños programada para a pasada tarde. Na súa intervención, o directivo aproveitou tamén para invitar "a todos os coruñeses" á Feira do Viño de Valdeorras, que terá lugar os días 14 e 15 de xullo.