A sempre transgresora Mercedes Peón volve á escena cun novo traballo, Déixaas, no que mestura os sons industriais dos asteleiros de Navantia co substrato tradicional propio da súa obra. A instrumentista e cantante coruñesa, que será a encargada do pregón das festas deste ano, este mércores, 1 de agosto, ás 21.30 horas na praza de María Pita, reflexiona no seu último disco sobre xénero, lingua, poesía e moito máis. Este xoves dará ademáis un concerto, tamén en María Pita.

- Sorprendeulle a súa escolla como pregoeira das festas?

-Non é tanto unha sorpresa porque xa o falaramos o ano pasado. Síntome agasallada, pero máis que nada sinto algo de pudor. Pudor de saír alí a falar diante de tanta xente, eu son música, un ser creativo, o meu non é a palabra. Aínda así, fágoo contenta.

- Este ano veu a luz o seu último disco, Déixaas . Ao longo das once pezas que o compoñen, nas que se mestura o xénero, os sons da industria, a lingua... Existe unha narración ou se apela máis á sensación?

-Hai unha metáfora. Ese traballo ten que ver con emocións, vivencias, conceptos, posicionamentos. En base a iso fun creando durante catro anos ata que xurdiu o lugar onde acontecía todo isto, non como un nexo, senón coma un lugar onde podían convivir: a figura dos portaavións. Fun gravar a Navantia, onde todas esas capas conviven alleas á existencia do propio portaavións. Ese relato que acabas de construír é bonito, e concorda en gran medida coa idea de que estás paseándote por un portavións, sendo unha partícula cativa que non sabe que está coexistindo con todas esas capas, todo está contido no mesmo instante.

- A base rítmica está composta por sons industriais e da fábrica. Moitos artistas venlle o atractivo a algo que a priori é un traballo monótono e castigado.

-O atractivo daquilo foi que eu entrei en Navantia, e fun construíndo a base polirrítmica, os ambientes, creando volumes no espazo sonoro. Foi un proceso moi interesante e que requiriu moita investigación. O naval é pura artesanía. É impactante, os barcos teñen unhas dimensións de cidade, e dentro dos asteleiros están a facerse os barcos case manualmente parte por parte, as máquinas que teñen son as mesmas que en 1950. É artesanía mesturada con intelixencia e enxeñería. Despois está a actitude dos traballadores, fálanche dos compañeiros que botaron, e do seu traballo con mimo. Hai que ter en conta que esas dimensións acaban flotando, e é impresionante en todos os sensos, humano e sonoro. Créase unha sinfonía nos departamentos.

- No disco atópanse ritmos reggae, sons metálicos e mesmo un fragmento de La Llorona , pero o son da pandeireta e doutros elementos do folclore son unha constante de fondo ao longo dunha obra moi diversa.

-É unha boa análise. Probablemente toda esa enerxía de onde parte a musica, a raigaña compositiva e o que lle dá un lugar mellor e un espazo singular a esta modesta compositora é precisamente iso. Eu parto da transgresión, como percusionista, como pandereteira. Transgredín a miña formación de pandereteira para ser compositora, e iso latexa en todos os discos, e neste, aínda que me fun por derroteiros de investigación sen referentes tan populares, o fondo que me deu a forza e o coñecemento para expandirme a lugares novidosos é a pandeireta. Para min é o instrumento rei de aquí, pero as representacións románticas de Galicia sempre foron coa gaita .

- A gaita está máis ligada aos homes e a pandeireta ás mulleres, e por iso prevalece.

-Si, hai unha relación clarísima, pero iso é unha construción. Ao longo dos séculos houbo moitas mulleres gaiteiras, zanfonistas e instrumentistas, pero o que vemos na construción romántica de Galicia é que son os homes os que tocan a gaita.Agora hai moitos pandereteiros homes e gaiteiras mulleres, é unha convención patriarcal. Esas fronteiras absurdas son convencións patriarcais que veñen do tradicionalismo, non da tradición, onde non hai construción de xéneros.

- A cuestión do xénero como construción social, mediante as teorías de Paul Preciado, é outra das reflexións do disco. Pensa que se está a abrir o debate dos xéneros non binarios na sociedade?

-Estou gratamente sorprendida polo auxe dos movementos feministas hoxe en día e en contra da violencia de xénero. Penso que a poboación en xeral está tomando conciencia. O discurso feminista de quinta xeración, que xa explora o movemento queer, está tomando forza tamén. É complexo porque dende que nacemos xa nos instalamos no binarismo, o primeiro que se quere saber o cativo é se é neno ou nena. É difícil, pero está comezando a filtrarse esta cuestión. Penso que é no equilibrio da diversidade onde facemos menos dano.

- O 8 de marzo foi un punto de inflexión nas loitas feministas. Como muller e artista, como pensa que está cambiando a sociedade a ese respecto?

-O mundo está cambiando moito. España en xeral non me interesaba moito, e estas cousas únenme á xente. Nesta universalidade, nesta globalización si quero estar, é moi bonito. Creo que hai unha toma de consciencia sociopolítica, penso que no momento no que abres a porta e vas a unha manifestación deste tipo, algo xa te estás cuestionando, mudas o teu entorno.

- En Déixaas reflexiona tamén sobre a lingua, nun momento histórico no que a súa riqueza está a ser cuestionada.

-No momento no que che extirpan a lingua primixenia do seu lugar, elimínanse tamén os teus desexos. A lingua é unha estrutura mental, é o que t relaciona. Eu vivo en Oza dos Ríos, saio e vexo cómaros, valados, árbores, todo ten nome. A terra que pisas ten nome. As linguas crean esa colectividade, tráennos un imaxinario do pasado ata o presente. Non se pode eliminar a lingua que nos conecta coa terra, co aire que respiramos, co mar; se eliminas iso, tamén eliminas os desexos primixenios. Eu co galego vou a todos lados. É o que me dá forza e enerxía para ser singular.