"Esta historia é a lembranza dun tempo que era de medos, de silencios. E levounos tanto tempo ir coñecendo a verdade daquel lugar afastado, onde sempre roldaba a traxedia! Punta Herminia, Campo da Rata, a bravura do mar, e o horror do franquismo". Con estas verbas comeza Pepe Galán o seu filme sobre o antigo cárcere provincial, e a mobilización de mulleres que, en 1936, albergou fronte as súas portas. En plena Guerra Civil, e fartas de ver aparecer nas cunetas aos seus familiares antes presos, un grupo delas armouse de valor para montar garda nos arredores do edificio, como medida de presión para evitar que os falanxistas os pasearan. Durante cinco días e cinco noites, o grupo velou contra a atrocidade. Logo, a situación volveuse insostible. "Non puideron seguir alí porque había moita represión. Ao fin e ao cabo, nin todo o país foi quen de botar a Franco", di Galán, que recupera hoxe a súa historia coa peza audiovisual Mulleres muro.

O coruñés realizará á súa proxección ás 20.00 horas, no interior do antigo cárcere. "Que mellor escenario", di, para lembrar aquel feito histórico, que xa recollía no ano 2011 en forma de escultura. "Aquela fíxena con motivo dun convite do Proxecto Cárcere para unha exposición colectiva. Estes anos, porén, atopeime cun libro editado por Luís Seoane [ La Galice sous la botte de Franco] no que recolle testemuñas orais, e quixen ampliar a historia máis aló da instalación", explica o artista, que construíu o guion da curta coas vivencias plasmadas no volume. A encargada de poñerlles voz no filme é María Xosé Bravo, que intercala o relato con algúns dos versos firmados por Luís Pimentel en Cunetas. A música de Luís Rapela, as botas e pegadas sobre ferro da escultura orixinal de Galán, e varias imaxes do cárcere e da Torre de Hércules completan o cadro, que fusiona todos os seus elementos para rescatar a fazaña desta "garda de dor e valor". "Historias como esta ten que haber moitas, o que pasa é que non chegan á xente. Eu, como artista teño que sacalas, para darlle valor á memoria histórica", conta o escultor, que resalta o perigo ao que se expuña o grupo.

Na entrada do penal, as mulleres "arriscaban a vida", para evitar que os seus fillos, pais ou maridos foran asasinados. Dos gardas recibían golpes e culatazos, emprendidos con saña para facelas renunciar pero, durante o tempo que durou aquela resistencia, non houbo disuasión posible. "O efecto das 'mulleres muro' fixo que os falanxistas desistiran dos paseos momentaneamente, o que pasa e que logo os represores atoparon novas vías. E elas xa non podían aguantar alí", explica Galán sobre as mozas, que se atopaban moitas veces coa noticia da morte dos seus seres queridos cando se dispuñan a levarlles o xantar ao penal.

Aqueles corpos aparecían logo nas cunetas, en Punta Herminia, ou no Campo da Rata. Era un dos moitos horrores daqueles tempos, que están agora, asegura o artista, máis "frescos" ca nunca a raíz da polémica pola exhumación dos restos de Franco. "É incrible que aos partidos de dereita, e a outros que se chaman de centro, lles dea urticaria. Estamos vendo que temos un problema co pasado", afirma Galán, que xa abordaba as consecuencias da represión franquista en 2008, co seu Monumento as vítimas do Portiño.

A reivindicación, e a denuncia social destas pezas, non son unha novidade na traxectoria artística o coruñés. Si o é, porén, a creación audiovisual, coa que experimenta nesta nova curta de 5 minutos, enmarcada na súa mostra itinerante A volta dunha ausencia. "Trato de abarcar novos territorios, ampliar os meus medios de expresión", conta o artista, que non desbota reformular por terceira vez as súas Mulleres muro en clave teatral. Mentres, soña con unir o seu filme coa obra primixenia, exposta polo momento no Museo Provincial de Lugo.