Impulsar o galego como lingua inicial e darlles aos máis pequenos un espazo para gozar dela desde o lecer. Eses son os obxectivos do programa Apego, unha iniciativa pública creada para derribar prexuízos e apoiar a crianza baixo o prisma do propio patrimonio cultural. O proxecto, nado en 2015 e con 30 concellos adheridos, ofrece actividades como teatro, música, danza e obradoiros para pais e nenos de entre 0 e 6 anos. Preto de 400 están inscritos hoxe en día no programa, que funciona desde fai dous anos na Coruña da man do Servizo de Normalización Lingüística.

"Queremos crear un espazo no que tanto os pequenos como as familias poidan falar galego, especialmente nos sitios onde é difícil atopalos", explica Iván Méndez, un dos coordinadores do proxecto. Para participar nel, os pais teñen que cubrir un formulario, e pasar unha pequena entrevista na que se colleitan datos para facer unha análise sobre a situación da lingua. A partir dese momento, as familias poden acceder ás actividades do programa, que acompaña desde a xestación aos pequenos con espectáculos, consellos pedagóxicos, arrolos e material audiovisual. "Non se trata só de que os nenos estean ocupados, senón que tamén poidan vir os pais e aprender algo que lles poidan aprender aos seus fillos na casa. Ten un compoñente lúdico e didáctico", asegura Méndez sobre a iniciativa, que festexará mañá o remate do verán cunha Festa do Apego.

A actividade, que durará desde as 11.30 ata as 18.30 horas, terá lugar no Centro Ágora. Participarán nela Caramuxo Teatro coa súa peza Zapatos, e a artista Lydia Botana cun obradoiro de construción de instrumentos, cantacontos e bailes, así como Baobab Teatro, De Pesdelán e o músico infantil Pakolas. A xornada será un aperitivo do novo trimestre do proxecto, que abrirá a súa tempada a partir do 27 de setembro. Un curso de cantos de berce, o Radio Bulebule de Paco Nogueiras e o Cantacontos de Migallas Teatro serán algunhas das primeiras actividades ofrecidas pola iniciativa, que busca traer espectáculos "de calidade" para "desmontar o prexuízo de que só existen en inglés ou castelán".

A aposta de Apego, polo de agora, funciona. "Cada ano estamos tendo arredor de 100 persoas máis inscritas, todas as semanas temos entrevista con algún pai", conta Méndez, que asegura que moitos deles atópanse con obstáculos cando se propoñen criar aos seus fillos en galego. O problema máis común, indica, é o inicio dos pequenos no sistema educativo. "A maioría dos nenos que chegan á escola falando galego, mudan ao pouco de rexistro pola educación que reciben. Outro inconveniente é a escaseza que hai dentro da cidade para levar a cabo actividades con este fío condutor", engade o coordinador, que lamenta que o contexto acabe por pesar máis que a intención dos proxenitores.

Socialmente, o galego segue a arrastrar os vellos prexuízos do pasado, no que se identificaba cunha lingua pobre e propia de persoas cun baixo nivel educativo ou cultural. Para solucionalo, Méndez avoga polo traballo "conxunto" das institucións públicas, e por unha serie de medidas comúns que impulsen o uso e o apego ao idioma. "Necesítase facer moito máis, tanto desde a administración local como no resto de administracións, para que a situación mellore. Tamén habería que cambiar o sistema educativo. Se unha persoa non aprende na escola un idioma, é moi difícil que o fale", apunta o coordinador, que ve na percepción social da lingua outra das claves da súa supervivencia. "O importante é derribar prexuízos. A partir diso, o resto debería vir dado".