Non son moitos os que pensan, nos seus paseos pola cidade, que están a camiñar no escenario dunha novela. Porén, iso é o que acontece cando se percorren zonas como María Pita, a Cidade Vella ou os Xardíns de Méndez Núñez, espazos intimamente ligados á literatura galega, que remata por situar neles as súas tramas e personaxes. Antonio Tizón, Diana Varela, Olga Patiño e Antía Yáñez son algúns dos autores que fixeron da Coruña unha urbe de tinta. O vencellamento das súas obras con ela o explorarán desde este sábado cos Paseos pola Coruña Literaria, unha serie de rutas guiadas polos propios creadores e organizados pola Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) e o Servizo de Normalización Lingüística.

Os percorridos viaxarán polo pasado da cidade, amosando a súa evolución política e sociolóxica como parte da edición de outono da iniciativa. O coruñés Antonio Tizón será o encargado de inaugurala o día 8 da man de Un home estraño, a súa última novela, coa que analizará a situación da urbe durante os primeiros pasos da democracia. "Falarei da parte histórica que eu coñezo daqueles anos 80, e de como foron mudando a política e os escenarios", conta o autor sobre o percorrido, que dará comezo, como todos, ás 12.00 horas.

A estatua de Curros Enríquez en Méndez Núñez, a xamonería La Leonesa, ou a casa dun dos protagonistas da obra na praza de Santo Domingo serán algunhas das paradas da ruta, que fará tamén un alto obrigado na praza de María Pita. "É o símbolo de como cambiou a cidade desde entón ata agora, non ten nada que ver co que era antes", asegura Tizón, que rematará o itinerario coa proxección dun book trailer do seu volume na libraría Arenas.

A viaxe ao pasado que realiza irá moito máis aló con Diana Varela, que tomará un punto de vista feminista no seu percorrido. A poeta e narradora, afincada desde hai tempo na Coruña, protagonizará o sábado 22 o paseo Mulleres donas do seu soldo, unha ruta coa que rescatará do esquecemento á biografía de moitas figuras femininas que deixaron unha pegada determinante para a historia da cidade. "Centrarase en mulleres tan representativas como Rosalía de Castro, Concepción Arenal ou Emilia Pardo Bazán, que romperon cos estereotipos e loitaron por conseguir moitos dereitos", explica a secretaria xeral de AELG, Mercedes Queixas, que vencella a temática da ruta coa deseñada por Antía Yáñez arredor de Senlleiras. A escritora remontarase aos anos 30 co seu itinerario, co fin de dar conta dos avances tan "cativos" obtidos especialmente na situación da muller. "Parece o pasado, pero estase a reproducir no presente", indica Queixas, que sinala cuestións como os prexuízos lingüísticos ou o xermolo do nacionalismo galego como outros dos asuntos que abordará o 20 de outubro a autora.

Antes, o día 6, terá lugar o paseo con Olga Patiño. A Cidade Vella será a grande protagonista do percorrido da poeta, que fará "unha ruta moi íntima" con paradas "en espazos que remiten" aos seus versos. A inscrición para asistir a ela poderá facerse a partir do 24 de setembro, de xeito gratuíto -xa sexa por teléfono, correo electrónico ou de modo presencial- no Centro Ágora. Os mesmos trámites teranse que seguir para apuntarse ás rutas de Tizón (aberto desde onte), Varela (desde o 10 de setembro) e Yáñez (desde o 8 de outubro), que pechará a edición co seu paseo.