A música de raíz farase esta fin de semana co barrio de Agra do Orzán, que encherá os seus bares e rúas coas algueiradas e os espectáculos infantís da súa FoliAgra. Os festexos, trasladados a este mes por mor do mal tempo previsto para a súa programación en xuño, terán como sede principal a Praza das Cunchiñas, pola que pasarán grupos como Leirabuxo, De Outra Margem ou o show para xente miúda de Peter Punk.

A Foliada das Tabernas, un dos pratos fortes da celebración, será a que abra o programa. A iniciativa percorrerá desde as 12.15 horas os locais de hostalería da zona, na que os intérpretes compartirán por cuarto ano consecutivo e ata as 15.00 horas os seus cantos e bailes populares. "Irán de bar en bar, invitando a participar á xente, que pode acompañalos no seu camiño", explica desde a Asociación de Veciños Agra do Orzán un dos organizadores, Ricardo Seixo, sobre a ruta.

Seguíndolle de preto estará o espectáculo para nenos do pallaso Peter Punk, que terá lugar ás 17.00 horas. O show do cómico, un dos máis destacados de Galicia, encherá de humor e gargalladas a Praza das Cunchiñas, na que desembocarán os pasarrúas de Birloque Gaiteiros. O seu repertorio folk comezará a sonar tamén ás 17.00 horas, coa Ronda de Outeiro como punto de partida. Fuente Álamo, xusto ao outro lado do bloque, será desde onde iniciará o seu percorrido a Escola Sementeira, que levará ata a Ronda de Nelle os seus ritmos de raíz.

Con estas marchas populares, os organizadores pretenden "que o barrio sinta os aires de festa", así como animar aos veciños a unirse á foliada aberta que lle sucederá ás 19.00 horas. Nela, unha decena de agrupacións amenizarán o enclave con música e danza, coa que se porá o peche á primeira xornada de xolda no Orzán. "Os artistas cantarán e bailarán, pero poderá tocar calquera que se achegue co seu instrumento", apunta o coordinador, que sinala a foliada folk do domingo como o acto máis forte do programa.

Polo menos "500 personas" reuniranse para gozar deste acto, que terá como protagonistas ás 20.00 horas aos músicos de Leirabuxo e De Outra Margem. Antes, ás 17.00 horas, será a quenda dos máis cativos con Odaiko, que porá a bailar aos nenos e nenas do barrio coas súas melodías pensadas para toda a familia. "Tiñamos en proxecto levar grupos de monicreques aos colexios, e facer proxeccións educativas no Ágora, pero o diñeiro é o que é e, mentres non aumente, témolo complicado", lamenta Seixo, que agarda que o festexo "vaia consolidándose" co tempo grazas ao traballo da asociación.

A plataforma veciñal leva 5 anos recuperando as festas da zona, que sufriron o esquecemento durante varios anos. "Houbo épocas nas que se facían festas con orquestras, e tense pechado ata a Ronda de Outeiro, pero logo fóronse esmorecendo e moitas veces non se fixo nada", explica o coordinador, que presume de levar 40 anos vivindo no barrio.

A antigas verbenas que acollía convertéronse hoxe na FoliAgra nunha forte aposta polo patrimonio cultural galego, no que o baile e a partitura tradicional son as estrelas do cartel. Rachar cun modelo de festas pensado "só para mirar", e impulsar unha música propia "totalmente desacordada" foron as metas que se fixou a plataforma veciñal, que reclama un maior respaldo por parte do Concello e dos comerciantes para ampliar as súas festas. "Queríamos incorporar músicas de outros países. Este ano tiñamos apalabrados a Son de Camagüey, pero non puido ser porque non se financiaba", conta Seixo, que asegura que non atopou nos comercios "interese por mellorar a celebración do barrio". Unha carpa para realizar a cuberto as actividades no caso de que chova é outra das peticións ao goberno local que fai o coordinador, que mantén, malia as dificultades, o optimismo sobre os seus festexos. "Se puidéramos facer toda unha semana de festa estaríamos encantados. Nós a esperanza a temos sempre, vivimos diso", engade.