Manuel María non era coruñés, nin residiu na cidade durante moitos anos, pero deixou tras de si unha pegada de verbas que continúan latexando hoxe na Coruña. Proba diso é a lembranza que realiza cada ano a urbe da man da fundación que leva o seu nome. Lúas de outono, o festival dedicado a render homenaxe á obra do poeta e a súa figura, volverá o próximo mércores 19 para difundir no Teatro Rosalía e por décimo ano consecutivo o legado do artista, a cuxos poemas porá música Susana Seivane como parte da estrea do seu disco FA.

Noutras ocasións, foron o teatro ou a danza as que partiron dos versos de María para configurar o espectáculo. Desta vez, porén, será a famosa gaiteira a encargada de darlle unha nova dimensión aos seus escritos a través dun concerto, no que interpretará desde ás 20.30 horas dous temas baseados en Os soños na gaiola a raíz do seu cincuenta aniversario. A artista aproveitará tamén a ocasión para estrear o seu último traballo discográfico, FA. O álbum dedicado aos seus fillos Fiz e Antón, soará por primeira vez logo do seu lanzamento este venres, co que dará por rematados 8 anos de silencio sen publicar novo material.

"A nosa escolla de Susana Seivane non é casual. Ela integra nos seus espectáculos a tradición máis pura con elementos experimentais, e Manuel María tamén foi capaz de crear unha obra orixinal partindo dos elementos populares. Imos para diante, pero sempre desde o noso", explicou en rolda de prensa o secretario da Fundación Manuel María, Alberte Ansede, sobre a elección da instrumentista.

Entre os puntos que teñen en común, a gaiteira destacou no acto "o amor e os ideais" nos que se centraron ambos como artistas, dous piares que teñen no seu último traballo unha relevancia especial. Nel, a intérprete transforma en música o tempo desde "o primeiro embarazo ata agora", transmitindo coa gaita as sensacións que tivo ao converterse en nai. "Falo da maternidade e de como a vivín. A verdade é que espinme moito neste disco", apunta a artista, que confesa se puxo "tola de contento" cando lle chamaron para facer esta homenaxe.

Lúas de outono daralle a oportunidade de "facer algo especial" na presentación de FA, logo da pre-estrea que tivo lugar o pasado febreiro no Centro Ágora. Será tamén un xeito de manter no recordo os poemas de Manuel María, e honrar o vínculo que mantivo coa cidade na que residíu durante a xubilación, ata o seu falecemento en setembro de 2004. "Foise hai 14 anos, pero deixounos unha grande obra á que nos corresponde dar difusión. O que nós pretendemos é traela ao presente usando manifestacións artísticas que partan do seu traballo", comentou Ansede, que defendeu a consolidación do festival como un "referente cultural" para A Coruña.

O público, asegurou, "así o pon de manifesto", cando se achega cada ano para recoñecerse de novo nas verbas de María. O poeta fala nelas "da defensa da nosa lingua, da nosa cultura e dos nosos dereitos" e fai "unha reivindicación dos sectores do país máis desfavorecidos", como lembraba no acto a vicepresidenta da Deputación Goretti Sanmartín, que salientou os numerosos artistas-Fuxan Os Ventos, Xardín Desordenado, Roi Casal- que teñen musicado ao autor ao longo destes anos. O día 19, Seivane unirase á lista no Rosalía, que a viúva de María, Saleta Goi, destacaba polo seu peso na cidade. A presidenta da fundación agradeceu na rolda o apoio da Deputación na organización de Lúas de outono coa cesión do teatro, un edificio que, polo seu "nome", tería que albergar "todos os recitais de poesía".

Gozar da de Manuel María será de balde. As entradas para acceder ao espectáculo serán gratuítas ata completar aforo, tendo que achegarse á hora da representación, ou mesmo un pouco antes, para asegurarse unha localidade.