Música, humor e sobre todo poesía. Iso é o que ofrecerá esta noite Aldaolado, o dúo artístico formado polas coruñesas Lucía Aldao e María Lado, que chegarán a partir das 22.00 horas ao Garufa Club. As escritoras, coñecidas pola súa reinvención do recital poético clásico, aterrarán na cidade co seu espectáculo Cría fama e bótate a correr. Nel compartirán as súas aventuras e desventuras como artistas, falando da "xente marabillosa e non tanto" que se atoparon ata o de agora no seu camiño.

- Como entende Aldaolado a poesía?

-Sobre todo, como algo que se poida gozar. Nós comezamos precisamente con esa premisa de facer un recital onde o pasáramos ben tanto nós como o público que viñera a vernos. Iso fómolo respectando todo este tempo e é o que nos permite vivir de xira crónica.

-Semella estraño que se poida vivir da poesía.

-É moi raro, levántome estrañada cada mañá [risas]. Pero a verdade é que vimos cun formato todoterreo que vale para pasear por moitos sitios, ese é o quid da cuestión. A poesía tira man da música e do humor para facela accesible a todo o mundo, e para nós é enriquecedor recitar diante de xente que nunca pensou en ir a un recital de poesía.

-Lévano facendo 13 anos. Como se atoparon a unha coa outra?

-María e máis eu atopámonos fai uns 15 anos, porque amigos que tiñamos en común dicían: "Cando estas dúas se xunten!". Estivemos un pouco obrigadas a facernos colegas [ri]. Hai 13 anos, foi o noso primeiro espectáculo, que se chamou Onde estea un cubata que se quite un soneto, e que funcionou moi ben. A nós o que nos gustaba era a poesía, pero tamén a festa, e dixemos: "pois o que temos que facer é poesía e festa, claramente!" [risas].

-Cree que a poesía significa agora o mesmo que significaba neses anos 90 nos que comezaban no panorama literario?

-Non o sei, porque eu daquela era moi nova e agora xa non o son [risas]. Eu recordo que para min a poesía dos 90 foi algo moi importante, porque supuxo atopar poesía coa que realmente conectaba. Por suposto que me gustaban autores máis clásicos, pero a poesía dos 90 foi a poesía do cotiá, de temas sobre os que non estaba afeita a ler? Sinceramente, non sei se a xente nova de hoxe en día ten a mesma sensación co que se está a escribir ultimamente. Pero hai un público amplo. No noso traballo escénico, os espectadores non son exclusivamente lectores de poesía. Hai xente que non abriu un libro de poesía na súa vida e que non perde se Aldaolado.

-En que punto se atopa hoxe esa imaxe da poesía como algo inaccesible, logo?

-Esa é unha forma de pensar patrocinada pola preguiza, porque a poesía supón un esforzo inicial que non esixe outro tipo de literatura. Unha vez superado iso, claro que atopas algo que che gusta. Pasa o mesmo coa música. Se te esforzas un pouco podes chegar a músicas que é máis difícil acadar, como a clásica.

-Unha cousa que sorprende en Aldaolado é que, máis aló desa música e dese humor dos espectáculos, o seus textos adoitan ter certa tristura. Non é unha contradición?

-Si, pero é a vida [risas]. Eu creo que facemos bastante de nós mesmas no escenario, pero tamén de calquera persoa. Condensamos o que pode ser a vida de calquera en media hora de espectáculo. Os días de todo o mundo están cheos de risa e de momentos de máis reflexión. Esa pílula concentrada de vida é o que intentamos ofrecer.

-E o compromiso social? Fai falta para escribir poesía?

-[Pensa] Ese é un punto de partida como outro calquera á hora de escribir poesía. De tódolos xeitos, eu creo que non hai por que estar a escribir sobre a situación política para amosar un compromiso coa época que nos tocou vivir. Cando ti escoitas o poema de alguén, estás escoitando o xeito de estar no mundo desa persoa. Escribir xa é un compromiso co mundo no que vives, independentemente de cal sexa a temática.