Luciano Rodríguez non pode evitar recitar cando menos un par de versos mentres fala. Non por nada leva facéndoo desde hai case 40 anos, cada vez que comezaba unha clase en centros de ensino de todo o mundo e, en especial, na Universidade da Coruña. A todos os alumnos que o escoitaron nese tempo dedícalles agora Auga de varios ríos. O poemario, un feixe de textos traducidos ao galego, o presentará esta tarde ás 19.00 h, no local de Medulia Editorial (Menéndez Pidal, 4).

- Comeza o libro cunha cita de Czeslaw Milosz, na que afirma que a poesía pode salvar ao home.

-É que para min é fundamental, desde fai moitísimos anos. A poesía é absolutamente necesaria. Moitas veces dise que os poetas non se leen, pero as súas citas están moi presentes, incluso na clase política. Citan a un poeta e parece que citan a unha autoridade, porque o son.

-En Auga de varios ríos traduce poemas escritos en todo tipo de linguas. Faltan posibilidades para gozar da poesía en galego?

-É un dos xéneros que menos se está traducindo. Traduciuse novela, teatro, pero poesía? Evidentemente, nos últimos anos avanzouse moito. Eu mesmo teño traducido de autores cataláns ao galego, por exemplo.

-A maioría dos do libro o son.

-Porque a súa lingua é moi próxima para min, téñolle moito aprecio. A miña familia vive alí, así que vou moito a Cataluña, teño contacto cos autores, e iso inflúe, ademais de que teñen unha gran literatura.

-E investigando en tantas minas literarias. Como fixo a selección dos poemas?

-Son textos que empreguei nas aulas, 38 textos por 38 anos que estiven dando clase . Auga de varios ríos ven de lonxe, de cando dixen que quería traducir os poemas que me impactasen fortemente. E iso foi o que fixen. Vertinnos á propia lingua, e logo utiliceinos. Cando vou dar unha conferencia ou unha clase, sempre leo un poema antes de comezar. Un poema ou unha canción.

-Aquí recolle versos de músicos, como Serrat e John Lennon.

-E Marina Rossell, María del Mar Bonet... Metín algúns cantantes polo medio, que non son inferiores aos poetas.

-En xeral, toda é poesía contemporánea, salvo a Oda a Afrodita de Safo de Lesbos. Por que fixo esa excepción?

-Permitinme a licencia, apoiándome no poeta Odysseas Elytis, que di: "Perdóenme se falo de Safo como dunha contemporánea miña. Na poesía, como nos soños, ninguén envellece". Eu estou totalmente de acordo. O poema de Safo parécenme dunha modernidade absoluta, aínda que dinlle moitas voltas. As primeiras versións fíxenas no ano 92, e acabei a última en outubro do ano pasado.

-As deste libro dedícallas aos seus alumnos. Ten algo de poético a ensinanza?

-Primeiro, que é vocacional. Se non cres no que fas malamente podes transmitilo. Eu sempre o crin, e de cando en vez lévome algunha sorpresa. Hai pouco atopeime cun alumno, e empezou a falarme de poesía grega. E pensei: "Arre la leche, se este non lía poesía!". Así que algo queda. Para que serve? Diríanche que para namorar ás rapazas. Bueno, tamén serve para iso, pero sobre todo é unha forma de situarnos fronte a vida, e axudarnos a sobrevivir nunha sociedade tan casquivana e tan pouco preocupada por aquilo que non sexa o máis groseiramente material.