"Variado como o país e como o Atlántico". Así define Moncho García o último disco de Milladoiro, unha homenaxe ao océano e ao seu vínculo con Galicia que o grupo presentará este sábado no teatro Colón. Da man dunha nova formación -con Harry. C. ao violín, Manu Conde á guitarra e Manu Riveiro ao acordeón-, e con máis dunha vintena de traballos ás costas, a banda continúa a súa labor pola música de raíz cunha mestura de composicións propias e tradicionais, que achegará á cidade a partir das 20.30 h. baixo o nome de Atlántico. Terranova, o Gran Sol e Ortegal serán algúns dos espazos aos que lle canten no concerto, co que rompen un silencio discográfico que se alongaba xa preto de dez anos.

"É un disco que abordamos con moita calma e liberdade, e co que nos sentimos contentos, porque é o primeiro que gravamos coa agrupación actual", explica García, un dos membros orixinais da banda. No traballo, que o percusionista define como "un dos mellores na historia de Milladoiro", o grupo buscou dar un maior protagonismo a estas novas incorporacións, coas que a formación puido renovarse sen perder o seu clásico cariz musical. É por iso, e por primeira vez na súa traxectoria, polo que as pistas contan cunha autoría que non asume a identidade do grupo. "Sempre era un traballo conxunto, pero desta vez quixemos que tiveran nome propio, porque os temas son fermosísimos. Iso é o que o que fai excepcional este traballo", conta García.

Novas ideas compositivas, influencias e formas de traballo diferentes ás que o grupo adoitaba establecer foron as achegas dos membros máis recentes, que axudaron xunto aos cimentos do grupo a dar forma ao álbum. O resultado son unha ducia de temas enchidos de espírito mariñeiro, entre os que se cola algunha tradución irlandesa e un tributo a Ewan McColl baixo a pista Sweet Thame Flow Softly. O tema do Atlántico, eixo do disco, somerxe as súas raíces na cultura e na importancia do mar para o país. Non hai xeito, asegura Xosé V. Ferreirós, de entender Galicia sen as augas que as rodean, e que foron unha saída vital para moitos dos seus habitantes. "Para nós era importante facer unha referencia ao Atlántico fronte ao Mediterráneo que tanto nos poñen diante en España. Parece escrito en letras de ouro, e que o Atlántico é un mar menor, pero non esquezamos que foi o que nos conectou co mundo", comenta o gaiteiro, apoiado por García.

O percusionista sinala a importancia a nivel "económico e cultural" que o océano tivo para a comunidade, e a conexión especial que ten coa Coruña. "O disco está especialmente dedicado á cidade, porque é a que está máis bañada por el", indica o músico, que asegura que Milladoiro dedícalle sempre "todos os temas a Galicia". "A súa cultura" e "a conservación do patrimonio da música tradicional" son os dous motores que moveron ao grupo desde os seus inicios aló pola década dos 70, nos que a banda se propuxo rescatala do seu estado desalentador. A súa contribución axudou a normalizala dentro da sociedade, e a deixar atrás o risco que tiña de desaparecer. "Era unha música que non estaba moi ben, pero nós estabamos moi concienciados para que volvera ao lugar que non debería ter abandonado", lembra Ferreirós, que asegura que este tipo de composicións nunca tiveron tanta saúde como na actualidade.

Milladoiro demanda, porén, un maior respaldo para estas melodías por parte de programadores e medios. Aseguran que teñen máis apoios fora que dentro de Galicia, unha situación que teñen comprobado nos seus exitosos circuítos internacionais. "Cando comezamos queríamos levar polo mundo adiante as músicas que os peregrinos trouxeron a Compostela. Daquela parecía unha utopía, pero cando estamos tocando en Estados Unidos ou Xapón, vemos que se está cumprindo", apunta Nando Casal, que afirma que Milladoiro "seguirá" difundindo "a música do país". Este sábado, o farán na cidade, cunha actuación que, están "seguros", "a xente vai a gozar".