Danzas, instrumentos musicais e lenzos con son propio. Iso é o que poderá verse durante os próximos meses na sede coruñesa de Afundación, que inauguraba onte a súa nova mostra expositiva con concerto da orquestra Abanca Resuena. Da man das súas partituras, e baixo o título de Sonoro empeño. La música en las colecciones Abanca y Afundación, a institución abría ao público un abano de medio centenar de obras de artistas como Picasso, Lugrís, Kandinsky e Solano, co fin de explorar a través das súas pezas o vínculo entre as artes plásticas e a música.

As pontes entre ambas disciplinas estúdanse na exposición desde distintas perspectivas, que abarcan desde a simple representación de músicos e instrumentos ata a plasmación abstracta do son. A maior parte delas están integradas por autores galegos, entre os que se desmarcan outros cun renome tan internacional coma o responsable do Guernica, que participa na exhibición cun debuxo realizado na súa etapa coruñesa. "Trátase da escena costumista dunha romaría. Case poderíamos definila como unha peza galega, porque está feita na cidade, onde Picasso pasou parte da súa xuventude", explica o comisario da mostra, Diego Rodríguez, que sinala o bosquexo como unha rareza dentro dunha colección eminentemente pictórica.

O debuxo do malagueño é un claro exemplo dun dos enfoques da exhibición, que agrupa baixo á temática das festas e dos bailes o vínculo entre a música e a pintura. A través desta lupa tratan creadores coma Lugrís ou Carlos Bóveda de capturar o dinamismo e o movemento das danzas cos seus pinceis, que se atopan cun reto aínda máis grande na sección da mostra dedicada á representación da propia sonoridade. "Querer ver os sons na pintura é un aspecto ao que se lle deu moito peso nas Vangardas, aínda que é unha relación que viña de moito antes. O que pretendían os artistas era plasmar a música nas súas obras plásticas cunha linguaxe abstracta", apunta Rodríguez, que resalta a Kandinsky como un dos autores máis destacados do bloque.

O pintor ruso súmase a Sonoro empeño con Esbrancuxado, unha peza de 1929 na que traduce as partituras en liñas e gamas cromáticas. Ao nome do artista, para o que "o violín soaba como o azul claro" e a trompeta "como o amarelo", únense outros como Xaime Quessada, Rafael Úbeda e Susana Solano, que aporta xunto a Francisco Leiro unha das poucas esculturas da exposición. "Leiro é un dos artistas galegos máis destacados das últimas décadas. A peza que expoñemos amosouse ao público poucas veces polo seu delicado estado de conservación", indica o comisario sobre a figura, que amosa a un músico tocando o contrabaixo.

Esta representación iconográfica da música é outra das patas da exhibición, que pecha as súas miradas co estudo das escenas musicais protagonizadas por nenos. Felipe Criado, Laxeiro e Seoane son algúns dos artistas que cultivan estes últimos enfoques, que contan cunha tradición presente ao longo da historia do arte. "A representación das figuras danzantes ou instrumentistas está presente desde as civilizacións primitivas. O tema foi un interese constante para os creadores, e o segue a ser hoxe", di Rodríguez, que asegura que son moitas as "cuestións comúns entre arte e música".

A composición, a dinámica e o cromatismo son algunhas destas pontes entre pintura e melodía, que tamén trata de atopar o seu camiño cara a parte plástica nas partituras que se crean "para facer referencia as imaxes". O propio título da exposición, Sonoro empeño, é unha proba desa irmandada entre as disciplinas, que se serve nesta ocasión das verbas de Rafael Alberti para escenificala. "O nome está tomado do seu poemario A la pintura, porque introduce esa conexión entre o sonoro e o visual", indica o responsable da mostra, que permanecerá aberta ata o próximo 2 de marzo. Ata entón, contará con visitas guiadas todos os mércores, a partir do 7 de novembro ás 19.00 horas.