A música pode ser un entretemento, pero tamén unha poderosa ferramenta para impulsar un cambio na sociedade. Esa é a idea que artella Mulleres enredadas. Coplas e alalás, un espectáculo de composicións tradicionais que chegará o próximo 22 de novembro á cidade en busca do empoderamento feminino. Organizado con vistas ao Día Internacional Contra a Violencia de Xénero- que terá lugar o 25 de novembro- e protagonizado por catro das grandes representantes da música de raíz, a peza ofrecerá as melodías de Uxía, Carmen París, Martirio e Ugía Predreira, que reivindicarán a liberdade de todas as mulleres a través dos xéneros que, como pioneiras, se atreveron a revolucionar.

O concerto, que comezará ás 20.30 horas, desenrolarase no teatro Colón, onde as artistas tratarán de "sorprender" desde o "humor" e a "transgresión" que as caracteriza. Así o afirma unha das súas responsables, Uxía, que define o espectáculo como unha "festa de irmandade", que terá como pezas centrais a "afinidade" entre as artistas e o seu longo proxecto de renovación. "Coñecémonos desde fai tempo, e esa complicidade vai saír no escenario. Imos ter un discurso non moi ortodoxo con respecto á música de raíz", conta a pontevedresa, que sinala a necesidade de crear novas correntes "a partir da tradición".

Tanto Uxía, como Martirio, París e Pedreira fixeron desa revisita ao xénero os cimentos da súa carreira musical. As artistas mesturaron cadansúas coplas, jotas e melodías galegas con novos territorios como o jazz ou os ritmos atlánticos, que se abriron paso nun percorrido acoutado polas visións máis academicistas da música. "Agora renovar é máis sinxelo, pero naqueles tempos dar ese paso era moi importante. Había detractores, pero sen risco non se pode lograr nada interesante a nivel creativo", apunta a cantante, que aproveitará a súa saída a escena para mirar máis aló da súa zona de confort.

Ao longo do espectáculo, as cantantes abriranse ao territorio musical das outras, explorando as partituras alleas xunto as guitarras de Marcos Teira e Sérgio Tannus. O repertorio que interpretarán, marcado por unha fonda pegada feminista, fará do empoderamento a súa bandeira a través de pezas con letras sobre a fortaleza feminina, na que se retrata a esas "mulleres poderosas" que latexan baixo os versos dos cantos tradicionais. "Sempre se notou na música de raíz a esas mulleres empoderadas que gardaron na súa memoria as coplas e os alalás e que cantan sobre sentirse máis fortes xuntas, aínda que desde o 8-M hai máis visibilidade", reflexiona Uxía, que sinala a data como un intre crucial para o movemento.

A manifestación do ano pasado, afirma a artista, foi "un paso adiante fundamental" que "percorreu como un tsunami a todas as xeracións de mulleres". Ademais de a nivel social, o fenómeno tivo o seu reflexo tamén na música por medio de cantantes como Rosalía, que se erixe como unhas das voces do momento "cunha peza dramática sobre unha relación romántica tóxica". "É unha cantante que fai o que quere facer, e só é un exemplo. Hai moita muller farta de ser invisible e de ter que pagar coa propia vida a liberdade", engade a cantante.

Para apurar este camiño cara o fin da violencia de xénero, a música pode converterse nunha vía poderosa. A pontevedresa defende o uso da palabra como unha "ferramenta transformadora" que, aínda que ás veces "infravaloramos", axuda ás mulleres a "amosar a súa propia voz". "O mundo está nun momento moi convulso, e parece que hai unha volta á intolerancia que asusta, pero as artes sempre actúan como revulsivo", di a artista, que ve o concerto do día 22 como unha oportunidade para poñer estas reivindicacións enriba da mesa. "Queda moito camiño por andar, pero está ben reunirse e falar do tema. Hai que xuntar esforzos para ver que pasos dar", conclúe.