Música galega fusionada con todo tipo de ritmos de raíz. Iso é o que ofrecen no seu cóctel Adhara & Ritman, a formación integrada por Adhara Caamaño, Tito Barbeito, Andrés Castro e Arturo Krest, que chegarán este sábado ao Garufa Club co seu último disco baixo o brazo. Libre son, un abano de folk, soul, reggae e rock, é a tarxeta de presentación deste proxecto musical, que compartirá escenario a partir das 21.30 horas con Almánimal e Desencanto como parte do Festival de Outono da sala.

- Cumpríase hai pouco un ano da estrea do seu proxecto. Como se está a acoller a súa proposta?

-Si que levamos moi pouco tempo, pero neste ano foi todo bastante doado. Sacamos un CD, e de aí xa nos chamaron para un montón de actuación culturais polo noso proxecto, baseado en folk galego mesturado con outros estilos de raíz.

-Semella que o plantexaron como un exercicio de liberdade musical.

-Si. É que é a base nosa. O que pretendemos, como di Adhara, é facer o que nos peta [risas]. Neste caso, cantando en galego e cunha raíz folk. É un folk aberto, desde a muiñeira ata o mesturado co rock and roll, pero sempre buscando a implicación co público, porque o que facemos é un pouco un espectáculo. Somos un grupo coñecido polos nosos directos.

-A vostede esa mestura xa lle viña de lonxe. Foi a súa contribución a Adhara & Ritman?

-Si. Eu veño do mundo do R&B, pero tampouco podo negar o pop-rock, ou esa parte de cantautor de cando colaboraba con Luis Moro. Vou recollendo todas estas experiencias. No caso de Adhara tamén pasou un pouco o mesmo. É pandereteira, toca as cunchas, e tira moito para a súa terra, pero no fondo é unha cantante de rock.

-Cada vez son máis os artistas que se atreven a mesturar estilos. Os tempos dos purismos xa pasaron?

-Non creo. O purismo sempre vai estar alí. De feito, góstame escoitar música pura de raíz. O que pasa é que, cando estás traballando con diferentes compañeiros, cada un ten os seus gustos e temos que chegar a un acordo. A min nunca me gustou facer un estilo demasiado puro, porque como músico gústanme moitos. E non dar cobertura a eses estilos que tanto nos gustan é unha falta de liberdade musical. De tódolos xeitos, aos puristas de música folk de Galicia non lles parece mal o que facemos, todo o contrario. Gústalles, porque descobren.

-Hai aceptación, logo?

-Si, incluso con público de fora de Galicia. Unha vez viunos xente de Andalucía, e empezaron a sacar fotos como se fose algo diferente e alucinante. E vendimos cedés. Nós estamos encantados coa aceptación que o público ten sobre nós. Ao longo da Costa de Morte encántalles. E, pouco a pouco, ímonos metendo cara o centro de Galicia.

-O fan da man dun espírito bastante reivindicativo. "A muller é libre, ninguén a domina", cantan no single do disco.

- Esa é a aportación de Adhara, que é bastante guerrilleira [ri]. Está en comunicación cun montón de asociacións de mulleres, e todo o que sexa o punto reivindicativo. Pero tampouco queremos pecharnos só niso. O próximo disco, A por elas?

-Tamén soa feminista.

-Pero hai outras cancións. Como segundo cantante vou cantar os meus temas, e non teñen por que ser reivindicativos. Esa é unha parte do grupo. O que si é que ás veces se recollen textos galegos pouco coñecidos, e a Adhara gústalle darlles unha volta. Digamos que Adhara & Ritman é unha forma de poder experimentar con aquilo que nos gusta.

-Con que meta?

-A música é moi dura. Levo moitos anos nela e costa moitísimo manterse e poder vivir dela. Pero nós estamos desde o minuto 1 facendo isto con moito amor e pasándoo ben. Non buscamos un éxito brutal, simplemente compartir a nosa música con outros grupos e intentar mellorar seguindo ese camiño.