Cando se cumpren 25 anos da súa exitosa estrea na Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, a Commedia de Cándido Pazó volve subir aos escenarios con máis música e humor que nunca, nun exercicio de nostalxia para o que se ten recuperado á maioría do elenco orixinal. Con Víctor Mosqueira como protagonista, e o aval que na súa presentación nos 90 lle deron os máis de 200 pases que se realizaron ao longo da xeografía española, o director e dramaturgo devolverá á vida mañá e esta noite as extravagantes peripecias do texto de Carlos Goldoni, que sucederanse a partir das 20.30 horas no teatro Rosalía.

A peza, construída sobre os escritos do autor italiano, ofrecerá un achegamento moi próximo á súa versión orixinal. Do espectáculo de 1993 manterase o groso da historia do popular Arlecchino, e as aventuras que lle acontecen pola súa incapacidade para adaptarse as convencións sociais, pero con varias novidades coas que Pazó pretende renovar a proposta tras o seu cuarto de século de vida. "Facemos varias referencias á realidade actual, e hai moita máis música da que se facía antes. A idea era cambiala máis, pero démonos conta de que o texto estaba xa tan destilado que non se podía pretender facer algo mellor que aquilo", sinala o director, que recompuxo o texto de Goldoni a partir de improvisacións e creación propia.

As verbas resultantes, e as súas indicacións, quedaron gravadas a fogo na memoria do reparto. Malia que pasaran máis de dúas décadas desde que as pronunciara, Pazó atopouse con sorpresa coa facilidade do elenco para lembrar as súas intervencións, así como os movementos que o guion lles esixía sobre escena. "É un espectáculo con moita acción física, e eu pensaba que estaba esquecida, pero non. Os actores empezaron a ensaiar e parecía que o corpo recordaba", conta con orgullo o dramaturgo, que da con este "revival" un soño por cumprido.

O director levaba anos querendo recuperar a peza, pero asegura que "as circunstancias non se daban". Logo de que pasaran sen pena nin gloria as efemérides do 15 e do 20 aniversario, finalmente foi o cuarto de século a data sinalada para emprender o proxecto, no que contaron co apoio da compañía de Pazó, Contraproducións. "Pensei: É agora ou nunca, porque o tempo non vai agardar por nós", di entre gargalladas o autor, que resalta a creación da entidade teatral como un feito determinante para os novos pases.

O motivo, indica, son os cambios que experimentou neste tempo o panorama teatral, que tivo que sortear entre os noventa e a actualidade os bandazos da crise económica. As consecuencias daquel golpe, que freou as inversións privadas e os orzamentos institucionais no mundo do espectáculo, arrástrase aínda ata o día de hoxe sobre as táboas. "Levar a 6 actores como os que temos antes non era para tanto, pero agora, logo da crise, si. Nos 90 queixabámonos, pero foron anos de fartura comparados cos actuais", explica o director, que gaba, porén, o avance en "calidade" que experimentou a escena galega.

A demanda dese teatro "maduro", no que "os actores tiveran asumido o seu oficio", foi precisamente o motivo do éxito da Commedia fai dúas décadas, cando o humor "entraba" ademais "moi ben" polo "ton distendido" da época. Agora, no 2018, Pazó agarda lograr o mesmo éxito que conseguiu entón, tamén como dramaturgo e director, coa peza de Goldoni. "Imos ir a Culleredo, Rianxo, Vigo, Narón... E estou seguro de que poderemos falar de moitas outras datas. Temos a confianza de que vai ir ben", asegura o director.