Onde algúns ven impedimentos, atópanse en realidade oportunidades agochadas. Iso é o que pretende amosar a Asociación Proxecto Máscaras co seu último proxecto, Na vida pública, unha sitcom na que preto dunha trintena de actores con e sen diversidade funcional danse a man para espertar a risa sen atender a etiquetas ou limitacións. A iniciativa, que presentará o seu capítulo piloto este xoves como parte do programa do Festival de Artes pola Igualdade, marcará o inicio dunha serie cómica que leva xestándose desde finais do ano pasado, e que nace abocada a acadar polo menos os oito episodios de duración.

A iniciativa audiovisual estreará o seu contido no teatro Rosalía ás 19.00 horas, pasando antes polo salón de plenos do Concello (17.30 horas) para explicar os detalles da peza. Os propios intérpretes, pertencentes a Aspronaga, Grumico e o colexio Calasancias, serán quen compartan as súas experiencias no Palacio de María Pita, que servía sen querer de inspiración á propia trama cunha convocatoria o pasado novembro para deseñar unha nova marca turística para a cidade. "Imaxinamos que saía un concurso da imaxe da Coruña, e deu a casualidade de que saíu tres días despois. O propio prego xa era cómico per se", conta o director da sitcom, Iago González, tamén presidente da asociación.

Algúns dos valores detallados nas bases do concurso, como a idea da cidade como unha urbe que "atrae a xente cool", foron parte da mina que explotaron desde Proxecto Máscaras. A entidade pretendía coa súa obra contar "con frescura" a realidade, apostando pola suma de todas as capacidades cun formato que ten "moita aceptación". "Non queríamos falar de inclusión, senón de non exclusión. O que pasa é que ás veces non sabemos tratar aos diferentes", comenta a secretaria xeral da asociación, Isabel Iglesias, que acompañou todo o proceso de traballo que precedeu a rodaxe.

Desde comezos de ano, as organizacións participantes desenrolaron varias xornadas de investigacón sobre o contexto do humor, nas que se basearon para a construción da peza. O produtor de cine coruñés Carlos Ares fixo durante ese tempo o asesoramento do guion, que foi mudando a medida que o facían seus os seus protagonistas, e por mor dalgunha que outra dificultade. "O día anterior á rodaxe, os dous protagonistas principais quedaron atascados no aeroporto de Holanda. Tivemos que repensalo todo en cuestión de horas", lembra González, que se enfrontaba por primeira vez a un proxecto desta magnitude coa longometraxe Máscaras.

A obra, gravada en 2012, "converteuse nun monstro" que empurrou o nacemento da entidade, e que foi sumando adeptos co avance dos días no calendario. Aos membros de Aspronaga, os primeiros en lanzarse á rodaxe, uníronse os anos seguintes os alumnos do colexio Calasancias, ata acadar desta volta aos integrantes da asociación de persoas con discapacidade física Grumico. "É un proceso acumulativo, dun ano a outro a xente se nos engade", afirma o director, que asegura que a implicación ante as cámaras este ano foi "total".

Para dar forma a este primeiro capítulo, E do meu que?, os intérpretes inverteron dúas intensas xornadas de rodaxe, nas que se afanaron por contar con "humor intelixente" as peripecias que se dan durante un proceso de selección de actores. O casting, organizado para escoller aos participantes dun vídeo turístico sobre a cidade, eríxese como punto de partida da sitcom da entidade, que buscou fuxir dos "moralismos" desde o principio. "O problema destes proxectos é esa tendencia buenista que hai", apunta Iglesias, que quita ferro á posible transitoriedade dos espectáculos inclusivos, hoxe tan en boga.

Desde a asociación recoñecen que existe "unha burbulla" con este tipo de creacións, pero confían na súa continuidade a pesar de esta estale. "Non vai desaparecer. No momento no que a xente intégrase de verdade na vida pública iso non ten marcha atrás, porque nos habituamos a ver a persoas distintas", di a secretaria xeral de Proxecto Máscaras, que ve na súa chegada ao Salón de Plenos outra vitoria. "Hai moitos aspectos da vida aos que a xente diferente non pode acceder, e son chanzos que tratamos de ir subindo", engade.

Da man da súa sitcom, a entidade agarda construír toda unha escaleira a prol da diversidade, que alongarase polo menos ata preto da decena de capítulos. Os seus organizadores confían en poder "gravar a outro nivel", cun maior número de apoios, á hora de acometer os episodios que seguirán a esta primeira toma de contacto, nos que continuarán adaptándose á realidade co tratamento do tema das eleccións.