Unha muller cun pano amarelo de flores lanza a súa mirada con firmeza desde unha das paredes da sala. Retratárona hai anos pero o seu ollar, como os cantares que representa, deu superado os obstáculos para chegar desde o século XX ata a actualidade. Por enriba dos adornos dourados que leva, e no cartel que a enmarca, pode lerse a gran tamaño o nome de Coral de Ruada. Trátase dunha das formacións ás que o Consello da Cultura Galega quixo render homenaxe en Son de Galicia, unha mostra sobre o papel que os coros populares tiveron na conservación e divulgación da identidade galega.

A exposición, que tiña onte en Afundación o seu acto de apertura, repasa o labor deste tipo de bandas, facendo un especial fincapé en catro das formacións máis históricas da terra. A mencionada banda ourensá, a santiaguesa Cantigas e Agarimos, a ferrolá Toxos e Froles e a coruñesa Cántigas da Terra convértense nas protagonistas desta exhibición comisariada por Miguel Anxo Seixas, na que se repasa a súa historia, a súa conservación do teatro en lingua galega, e a súa recuperación dos cantos e dos traxes tradicionais. "Os coros galegos foron os embaixadores que saíron fóra para vender Galicia. O que quere facer o Consello con esta exposición visual e auditiva é facer unha homenaxe a quen conservou e nos trouxo a música ata agora", explicou durante a presentación o coordinador da mostra, na que se ofrece unha visión global por asuntos como a vestimenta, os bailes ou a parte gráfica das corais.

O inicio da retrospectiva sitúase en 1853, cando comezaba en Galicia un movemento de recompilación da cultura galega. Os escritos de autores como Xosé Manuel Pintos e as composicións de músicos como Marcial del Adalid convertéronse entón na antesala que daría paso á formación do primeiro dos coros galegos, Aires da Terra, ao que Perfecto Feijóo daba vida na Pontevedra de 1883. "Creou un coro onde empeza a recuperar esa música e a interpretala. Todos os coros que van vir despois non son máis que unha consecuencia de Aires da Terra", asegurou Seixas, en referencia as formacións protagónicas da exposición.

Toxos e Froles, Cántigas da Terra, Coral de Ruada e Cantigas e Agarimos foron boas sucesoras daquela banda primixenia, continuando un labor que se diversificaba en varios frontes. A trintena de paneis explicativos que integran a mostra, e os obxectos exhibidos como as manteladas que vestían, as partituras que tocaban e as cintas que recibían nas súas viaxes internacionais dan boa conta do seu traballo a prol da cultura galega, que conservaron antes e durante a ditadura a pesar das moitas dificultades. "Os grupos tiñan que ser pequenos para viaxar, e sempre estaban faltos de recursos. Pero aínda que a lingua ás veces tivo as portas pechadas, a música sempre tivo boa acollida", sinalou o comisario, que eloxiuou a súa participación en campañas solidarias, ás que tamén se dedica parte da exposición.

Malia súa propia precariedade, estas corais nadas entre 1914 e 1921 non dubidaban en xuntarse a cantar e bailar por cuestións como a bandeira galega ou a loita contra a pobreza infantil. Tamén foron esenciais para a recuperación do teatro galego, nun tempo no que a escena na terra estaba deserta. "Como non había grupos de teatro, eles son os que o van potenciar. Collían anacos de ópera e zarzuelas e facían un espectáculo", indicou Seixas, destacando nesta actividade as apostas escénicas de Cantigas e Agarimos, que tivo que refundarse en 1921 logo de que a gripe española acabara cos seus membros.

A formación, xunto as outras tres bandas históricas, somerxeuse nos seus fondos para contribuír a Son de Galicia, á que aportaron pezas históricas, material audiovisual e algúns dos seus temas, que se poden gozar na propia exposición. A presidenta do Consello da Cultura Galega presente na apertura, Rosario Álvarez, enmarcou a mostra no programa de actividades que a entidade celebrou entre 2016 e 2018 co motivo do centenario do nacemento das Irmandades da Fala, e resaltou os lazos creados polas corais co outro lado do Atlántico. "Estableceron un vínculo coa emigración. Todo o que fixeron forma parte hoxe da nosa identidade", sinalou a directora, que anunciou que o percorrido da mostra alongarase máis aló da Coruña.

Logo da súa clausura na cidade o próximo 26 de xaneiro, Son de Galicia iniciará un camiño polas outras tres cidades de orixe das agrupacións protagonistas. Ferrol, Ourense e Santiago de Compostela serán as paradas do itinerario da exposición, que completará a súa viaxe con actividades como charlas, concertos e espectáculos de baile.