Noticias | Agenda

Antonio Fraga Autor de 'O bestiario científico de Anxos Nogueirosa'

"Sigo a ter a sensación de que estou no comezo. Aínda me considero un autor novel"

"Van aparecendo máis personaxes femininos con forza, pero queda moito que andar" - "Había tempo que tiña ganas de escribir algo relacionado con criaturas misteriosas"
17-12-2018 00:02
0 votos
O escritor Antonio Fraga, a semana pasada na librería Sisargas. la opinión

O escritor Antonio Fraga, a semana pasada na librería Sisargas. la opinión

Logo de dous anos adicado ao público adulto, Antonio Manuel Fraga volve á súa literatura infantil e xuvenil con O bestiario científico de Anxos Nogueirosa, unha historia de pescudas e criaturas fantásticas ambientada na costa coruñesa. As colonias escolares do Sanatorio Marítimo de Oza, a onde nenos de todo o estado chegaban para recuperar a saúde durante o século XX, convértense no escenario das investigacións da obra, coa que o escritor coruñés facíase co I Premio María Victoria Moreno.

- Publicaba este ano 3 libros infantís. Botaba en falta o xénero logo das súas incursións no mundo adulto?

-Si que me apetecía volver. Tiña apuntadas unhas historias, e por fin tiven tempo para desenvolvelas.

-Con esta levaba xa máis de 3 anos.

-Si. Como tiña que deixala para dedicarme a outros proxectos, acabamos case como estas parellas que se deixan e volven. Rematamos por manter unha relación malsán, por iso alegreime moito cando puiden dala por rematada. Coidaba que xa era o intre de que saíra ao mundo.

-Contábame a última vez que falamos o extenso traballo de documentación que lle estaba a esixir. Que lle fixo mirar a 1933?

-Foi unha casualidade. Esta historia naceu dunha fascinación polo sanatorio marítimo de Oza e polo período no que albergou colonias escolares. Chegaban nenos e nenas procedentes de toda España para, como dicían os artigos da época, "robustecerse". Fun a unha exposición que organizou a Universidade da Coruña sobre o sanatorio, e partir de aí fun tirando do fío.

-Curaba de verdade, como se dicía, a brisa coruñesa?

-Curaba, curaba. Eran nenos e nenas que estaban pretuberculosos e que medraban con problemas físicos derivados de traballar moito e non comer ben. Estar alí repousando varios meses e coa comida era o que facía que os nenos mellorasen.

-O destino dos seus protagonistas son esas colonias da Coruña, pero non puido resistirse a lembrar Pontedeume?

-Si, hai moitas chiscadelas a Pontedeume, aínda que a principal é a do título, que é a última que incorporei. O apelido que lle tiña reservado á protagonista pensaba que non acaía ben, e ao final o máis sinxelo é recorrer ao da casa. Outro exemplo é que outra das protagonistas vive en Sesgaña, que é como nos meus libros adoito chamarlle a Pontedeume. Sempre vou metendo cousiñas, porque recorrer ao próximo é agradábel.

-Menciona ás personaxes femininas. A súa fortaleza foi un dos puntos que lle valeu o I Premio María Victoria Moreno.

-Si, eu sabía que tiña personaxes femininos fortes. Serviume para reivindicar determinadas cousas que quería plasmar neste libro, como os reflectidos na personaxe de Anxos, que é unha rapaza que ten a vontade de converterse en científica. Amoso uns problemas que vai atopando, porque esa carreira está situada nun marco masculino. Por outra parte, gustábame homenaxear a dúas mulleres que si existiron: Ángeles Alvariño e Elvira Bao, que foi unha mestra galeguista que exerceu a docencia nas colonias.

-Estanse a volver unha realidade na literatura estes referentes femininos poderosos?

-Estase traballando e van aparecendo cada vez máis personaxes femininos dotados dunha forza tan grande como os masculinos, pero penso que queda moito que andar. Tanto na literatura como na vida.

-Na deste libro non só hai persoas, senón tamén criaturas. Como deu forma ao seu bestiario?

-Xa había tempo que tiña ganas de escribir algo relacionado con criaturas misteriosas e, mesturando esta idea coa costa coruñesa, atopeime cunha lenda sobre unhas que se dicía que existían nesta contorna. Esas son as únicas que aparecen no libro que están baseadas nunha lenda real. Despois hai outras cinco que son froito da miña imaxinación.

-É un maxín que lle valeu xa case 10 novelas.

-Si [ri], estou preto de cambiar de díxito.

-E segue a sentirse, como dicía fai un tempo, un escritor novel, ou mudou a percepción?

-Cambio un pouco, sobre todo a nivel de esixencia. Hai cousas que antes si podía permitirme porque dicía: "Estou comezando este camiño", pero agora teño unha experiencia detrás e teño que ser coidadoso. Mais sigo a ter a sensación de que estou aínda no comezo da viaxe. Nese sentido, aínda me considero un autor novel, e teño a sensación de que tal vez sempre me chegue a considerar así.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook