Máis aló dos carteis luminosos que anuncian Wicked e O Pantasma da Ópera en Broadway , ou O Rei León, desde fai anos programado no Teatro Lope de Vega de Madrid, agóchase o baleiro dunha escena galega que non conta con musicais de seu que subir as táboas. "A xente está máis relacionada co teatro musical pensando na capital ou en Londres, e moitos compañeiros meus estudaron fóra de Galicia. Pero nós temos moitísima historia que contar", apunta a actriz Sara Fandiño, directora desde o pasado outubro dun proxecto co que agarda mudar as tornas. A súa Escola Galega de Teatro Musical (EGTM), un espazo de formación para intérpretes de todas as idades, atópase estes días comezando un novo ano no que busca rematar de despegar de todo. A unificación das disciplinas do canto, o teatro e danza nas clases que imparte, e a súa loita por dar pé a unha xeración de actores que traballen nun "teatro musical propio", son as guías que acoutan o proxecto desde fai apenas tres meses, cando nacía co fin de pór unha "pincelada máis galega" ao futuro dos musicais.

A idea do centro, situado no número 47 da rúa Rodrigo A. de Santiago, xestouse durante o tempo de Fandiño como estudante. Mentres se formaba na Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid, a actriz enfrontouse como parte do programa lectivo ao reto de idear un proxecto empresarial, para o que buscou un "oco" na formación actoral que quería encher. "Hai outras escolas que fan teatro musical, pero non están especializadas neste percorrido. Eu pensei en crear un centro que recollese a cultura galega, porque aquí temos moita música propia e tradición", explica a directora, que tomou como referencia o teatro que se fai en outras comunidades autónomas como Cataluña.

A eclipsante fama dos espectáculos de Broadway, parte importante de moitos centros de teatro musical, son apenas unha pinga no plan de estudos do EGTM, que traballa nas súas clases pezas e partituras galegas. Máis dunha decena de alumnos fixos, e os outros tantos que participan nos cursos e no recente campamento que a escola organizou por Nadal, gozan dun programa que aposta pola "unificación de disciplinas", e pola formación dos intérpretes desde a infancia. "Hoxe en día requírese a ese actor que saiba facer de todo. O teatro musical está cada vez máis imposto, e os artistas precisan facer esa adaptación do teatro de texto ao musical", explica a directora, que lamenta a "ruptura" que existe entre ambas áreas.

A falta de "tradición" dunha ensinanza desde a xuventude é outro dos hándicaps que Fandiño intenta resolver no seu espazo, no que ensina a nenos desde os tres anos xunto á tamén actriz Tareixa Cambeiro. A adaptación de contos ao formato musical, a improvisación e os xogos dominan estes primeiros pasos na escena dos máis pequenos, para os que a intérprete destaca os beneficios da actuación. "Axúdalles a expresarse con claridade, e tamén aos que son moi tímidos", indica a directora, que ve porén nos adultos aos estudantes máis entregados.

O grupo amateur sénior que integran, a partir dos 18 anos, únese ao dos alumnos que preparan as probas de acceso para as escolas superiores de arte dramático. Son tres os que hoxe cursan esta modalidade, na que traballan para converterse en profesionais, e que lles podería permitir máis tarde chegar a formar parte da compañía que o centro se atopa preparando. "Temos pensado montar un grupo profesional. Aínda é moi cedo, pero xa hai un musical galego escrito para ese primeiro proxecto", di Fandiño, que pide mentres tanto para este 2019 unha maior difusión da súa proposta. "Custa que a xente se anime a probar, pero eu son positiva. O próximo setembro agardamos máis alumnado", conclúe.