Dúas xiras levan xa preguntándose Carlos Blanco e Xosé Antonio Touriñán se existe unha tipoloxía de crime autóctono, unha cuestión coa que volvían onte á cidade logo de triunfar nas súas datas do pasado mes de abril. "As funcións da Coruña colocámolas alí como agasallo. É bonito ter ese punto de Rei Mago", di Blanco, que xestaba o proxecto xunto ao seu compañeiro en Fariña e o dramaturgo José Luis Prieto. O texto resultante o interpretarán os cómicos de novo no teatro Colón hoxe e mañá, a partir das 20.30 horas.

-Van esgotando entradas por onde pasan. Xa son o espectáculo con máis localidades vendidas da historia do teatro galego.

-É por unha combinación de cousas. Unha hora e corenta minutos de diversión moi transversal. Touriñán é máis improvisador, e eu necesito levar o gag máis elaborado. Hai unha dirección escénica moi intelixente, de Tito Asorey, un texto de José Luis Prieto? A combinación de todo iso fai que a xente acuda.

-Non senten que marcaron un punto de inflexión nas táboas?

-Non, simplemente son fitos, obras que marcan. A nosa probablemente deixa unha pegada alí. Nós facemos un teatro comercial, buscamos público. Supoño que cando vén tanto é porque acertamos coas doses de humor e retranca.

-Hoxe esas doses dependen dun equilibrio moi precario.

-Agora as sensibilidades son máis facilmente feribles, temos máis a flor de pel a indignación. Non é sinxelo facer un teatro que non ofenda, pero desde logo nós intentámolo.

-Pregúntanse no espectáculo se existe unha cultura criminal autóctona. É así?

-Si, si! Sabes a cantidade de noticias deste tipo que xeramos, e das que logo os medios de fóra se fan eco? Nós somos unha potencia en crime insólito que chama moita a atención en Madrid. Aquí bromeamos sobre eles, con coidado de non ofender.

-Sona a que o show vainos dar mala fama?

-Non o sei [ri]. Eu creo que non. Ás veces pasa como con Fariña, que a xente dicía que non estaba ben falar desas cousas. Pero, por que non imos rirnos de nós mesmos e contar as nosas propias historias? Creo que un síntoma de intelixencia- e nós somos un pobo intelixente- é saber ser un mesmo.

-Como é logo o criminal galego?

-Temos o crime por arroutada, pero creo que somos máis de crime elaborado e caseiro. Máis de botarlle Ratibrom ao caldo [risas].

-O guión o escribiu xunto con Touriñán, compañeiro seu en Fariña . Tivo a serie algo que ver nisto de meterse a analizar a vena criminal galega?

-Tivo que ver, porque foi alí onde nos achegamos. E supoño que os dous estábamos imbuídos en dúas cabeciñas que vaia por deus, el de fillo de Charlín e eu de Oubiña. Aínda que un non queira, durante unhas horas ao día pensas así, porque ese é o traballo dos actores.

-No seu show tampouco se esquecen dos narcotraficantes...

-Si, hai unha especie de final onde aludimos a Fariña. Se o narcotráfico non estaba nunha recompilación do crime galego botaríamos algo a faltar moi importante.

-Axudoulle aquela charla que tivo co Oubiña real para meterse no papel dun?

-Serviume de pouco, en realidade, porque eu xa empezara a rodar cando me sentei con el. Serviu para confirmar o que eu traballara e o que me documentara.

-Semella que que hai unha especie de ponte na súa carreira entre Fariña e a película que fixo no 2005, Heroína .

-Si. Curiosamente, parece que completei o asunto desde todos os ángulos posibles. Desde o lado das vítimas e desde os narcos e incluso desde a xustiza. Supoño que ao final é contar as historias do lugar no que vives.

-Fala da xustiza, pero unha das cousas que máis sorprende na serie era esa sensación de total impunidade, os excesos?

-E non se contou nin de lonxe todo, había moito máis. Eu atopeime cousas incríbles naquela época. Isto non foi Sicilia por milímetros, e porque de repente cambiou a lei e se lle parou as pés. Se non é por iso, seguramente non viviríamos nun país tan tranquilo como vivimos.