Foi o primeiro clásico que puido escoitarse en galego sobre as táboas, e a súa elección non semella casualidade. " Macbeth é a traxedia máis céltica de Shakespeare, e tamén a máis galega. As bruxas son elementais, e en Galicia sabemos moito de meigas", apunta Xoán Carlos Mejuto, director e protagonista dunha nova versión da peza que Estudo Momento prepara esta semana para a súa estrea na cidade. O venres, a partir das 20.30 horas, a compañía fará vibrar os populares versos do artista sobre as táboas do teatro Rosalía, onde dará vida a un espectáculo apoiado no texto de Manuel Lourenzo. A súa tradución "desde distintas fontes", e o seu reflexo da factura que pasan as paixóns humanas cando se tornan desmedidas, volverán falarlle ao patio de butacas por medio dun elenco cheo de talento galego, integrado por Luis Iglesia, David Perdomo, Iria Ares e Carlos Sante.

A obra shakesperiana sumarase á lista de clásicos da compañía, que interpretaba o pasado marzo o título de Ibsen A casa de bonecas. Desta volta, o grupo remontarase varios séculos atrás para narrar o camiño de crimes e enganos que levaron a Macbeth ao trono de Escocia, e ao que chegou a formación teatral da man de Manuel Lourenzo. "Lembrei que fixera con el un curso no que traballáramos con varios textos, e pedinlle material. Iso foi o que nos levou a Macbeth. Inicialmente ía ser unha entrega de Clásicos nunha hora, pero a medida que avanzamos démoslle corpo a un espectáculo máis ambicioso", explica Mejuto, que encomia o "extraordinario resultado" da versión do dramaturgo lucense.

8

Estudo Momento ensaia 'Macbeth' no Rosalía

Macbeth. O ruído e a furia remata por ser "moi fiel ao espírito shakesperiano", a pesar da liberdade que se precisa para manter o ritmo lírico no seu paso ao galego. A compañía atópase agora dándolle os derradeiros repasos nesta "última semana de histeria antes da estrea", na que culminará máis dun mes de traballo no que trataron de pórlle o seu selo a unha historia centos de veces versionada. "Cada vez que montas un clásico tes que intentar que lle fale ao público actual, por iso no equipo establecemos varios límites. Vimos películas e montaxes teatrais, pero tamén quixemos ter a xente que descoñecese o máis posible a obra", conta Mejuto, que enfrontouse por primeira vez ao poeta inglés con esta peza.

O actor sinala a Macbeth como a personaxe máis "rica e complexa" que tivo que traballar na súa traxectoria, debido á cantidade de arestas e dúbidas que contén a súa figura. A súa esposa Lady Macbeth, interpretada en escena por Iria Ares, é outro dos grandes retos do texto de Shakespeare, ao que se lle da unha lectura afastada daquela muller malvada que empurra ao seu esposo ao asasinato. "Lady Macbeth o leva a asasinar ao rei Duncan para conseguir a coroa, pero a partir de alí é el o que se converte nun tirano mentres ela trata de frear esa espiral de violencia. Semella que sempre paga os trapos sucios, pero é Macbeth desde o comezo o que pensa no crime", asegura o director.

Durante o proceso de traballo, a compañía someteu a reflexión o detalle, e tratou de reflectilo na súa posta en escena. Con el pretenden pór en cuestión a maldade historicamente asociada "no imaxinario colectivo" a Lady Macbeth, sen deixar por iso de censurar o prezo da cobiza, o tema que Shakespeare aborda na obra. " Macbeth é a gran traxedia shakesperiana sobre a ambición desmedida, e sobre ata que punto pode leximitar que o fin xustifique os medios. Hai que ter soños na vida, pero hai que ter coidado cos medios para levalos a cabo", apunta o director, que ve na avidez a ponte que conecta o século XVII co período actual.

Na súa modernidade, Shakespeare cuestiona "a nosa escala de valores" con personaxes "que non deixan de ser persoas que vemos todos os días na rúa, ou incluso nós mesmos". A súa historia invitará este venres á introspección do público da Coruña, para pasar logo por municipios como Arteixo e Oleiros.