Noticias | Agenda

A música a través dos pinceis

A artista María Xesús Díaz explora o vínculo entre lenzo e melodía coa súa exposición 'Tentación sonora', que inaugurará este xoves
03-02-2019 23:21
0 votos
A artista María Xesús Díaz, xunto a unha das obras da exposición na Afundación de Vigo. la opinión

A artista María Xesús Díaz, xunto a unha das obras da exposición na Afundación de Vigo. la opinión

Preludio, Intermezzo, Fantasía en re e Cadencia clave de fa. Os títulos soan a partitura, pero as obras que nomean non foron pensadas para que as interprete instrumento algún. O ollo humano, e non o oído, é o que debe tratar de desentrañar as melodías que se agochan detrás destas peculiares pezas. Con esa idea as creou no seu momento a artista coruñesa María Xesús Díaz, que propúxose comunicar música e lenzo na súa última quenda de pinturas.

O resultado do experimento o comparte a creadora en Tentación sonora, unha exposición que decorará desde este xoves ás 20.00 horas e ata o 2 de marzo a galería Xerión. A mostra, que reunirá preto dunha trintena de cadros realizados entre 2016 e 2018, trata de sacar á luz o peso que a música ten no proceso de traballo da autora, que enche as súas composicións con referencias aos temas que escoitou mentres pintaba. "Toda a miña vida a música estivo ligada ao meu traballo. Dinme conta de que formaba parte do xeito no que creaba, e quixen integrala dunha maneira máis consciente, crear un diálogo plástico e musical", explica a coruñesa, que se confesa incapaz de soster os pinceis se as melodías non soan de fondo no seu estudo.

Para xestar esta serie, irmandáronse nel artistas de todos os xéneros inimaxinables. O ecléctico gosto de Díaz admite no seu taller desde as rancheiras de María Dolores Pradera ata as baladas de Pablo Alborán, pasando polo blues, as zarzuelas ou a ópera de Luciano Pavarotti, José Carreras e Plácido Domingo como Los Tres Tenores. "Escoito música de tódolos tipos. Teño un abano moi amplo de cousas que me transmiten e que elevo á plástica", apunta a creadora, que admite sentir, porén, unha particular debilidade por Chaikovski.

A súa afección polo compositor vén dun especial gosto pola música clásica, que se traduce en movementos e intervalos nos nomes dos seus cadros. A paisaxe urbana de outros como Jazz fusión, ou a rural que se adiviña en Cántiga de amigo, reflicten a conexión que Díaz establece entre ritmo e paleta, un vínculo no que o fío común é o sentimento. "A música percíbese co oído, pero traslada emocións. Foi un traballo complexo, porque moitas veces se baseaba simplemente nas cores ou formas que me inspiraba", conta a creadora.

O seu trazo amplo, ben lonxe da pintura figurativa, dálle unha maior marxe para plasmar esa intimidade que rabuña das cancións. Os seus retratos non amosan máis que o que pode entrever quen os mira, que intúe na mostra estanques desdebuxados, edificios ou ladeiras de terra areosa e vermella. "Cando tes unha obra diante de ti e a ves á primeira vista está ben, pero eu vou máis aló. Quero que o espectador poida buscar cousas que non veu o día anterior, como cando miras as nubes no ceo", explica a autora, que se descobre irremediablemente marcada pola súa cidade natal.

Os ton grisáceos da Coruña foron os primeiros en coller peso na paleta de Díaz, que foi medrando cara unha visión máis colorista. Verdes, amarelos e laranxas copan agora os cadros da creadora, que leva preto de 4 anos "nun momento de cor". "Pasei por varias etapas. Antes xogaba moito cos grises pola luz que temos aquí", lembra a autora, que apuntaba maneiras xa desde nena. "Pintaba en lugar de xogar. E no colexio, cando tiñamos que facer un mural, sempre era unha das escollidas. É algo que vai en ti", lembra.

No seu estudo, os próximos anos, Díaz está segura de que a música seguirá a ser a súa banda sonora. A artista continuará explorando as posibilidades das partituras, para construír sobre as notas as súas paisaxes misteriosas e irreais.

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook

Sorteos

El viernes 24 de mayo, la gira OT 2018 llegará al Coliseum de A Coruña. Si tienes tu entrada, participa en el sorteo para conocer en persona a los concursantes del famoso programa de televisión.

Encuentra los eventos de