Era a finais dos 80 cando Xulio Carballo se namoraba da banda deseñada. Cómics como o de Astérix e Kebra, el macarra del espacio formaban as súas lecturas de cabeceira naquela xuventude, que derivaría anos máis tarde nunha tese de doutoramento sobre un tema aínda inexplorado, os inicios da novela gráfica en Galicia. O documento, co que pechou a súa formación en Estudos lingüísticos e literarios do galego e do portugués na Universidade da Coruña, a recolle hoxe nunha "versión depurada" en Os pioneiros da banda deseñada galega 1971-1979. O libro o presentará esta tarde ás 20.00 horas en Alita Cómics (Orzán, 94), en compañía do deseñador Pepe Barro.

-Á banda deseñada faltáballe facer memoria?

-Si. Non había nada feito, e daba un pouco de rabia facer unha análise dunha obra en concreto, cando aínda non están asentados os alicerces de todo o que pasou na historia da banda deseñada. O meu compromiso era achegar algo á cultura galega. Quería facer un inicio do que pasou, para que logo se poida ir traballando pouco a pouco.

-A súa foi a primeira investigación sobre o tema. Por que este baleiro no estudo do cómic galego?

-Principalmente, porque non había un espazo no que puidera saír. É como se non encaixara nunca ben nin na Filoloxía, por estar dedicado ao texto escrito, nin nas Belas Artes, porque ate o día de hoxe considérase algo subcultural. O cómic aínda non está recoñecido como unha arte de pleno dereito, vaise avanzando pero falta unha renovación nese sentido.

-A Coruña ten hoxe predilección especial pola banda deseñada. Foi un berce importante no seu desenrolo, naqueles anos 70?

-Si, porque en certa medida naceu aquí. Reimundo Patiño residiu na cidade, e foi o que intentou sacar adiante unha banda deseñada galega. De aquí xurdiu tamén o Grupo de Cómic do Castro, e tiveron lugar as primeiras exposicións de banda deseñada galega. Non é casualidade que hoxe A Coruña sexa un foco importante de autores e teña Viñetas desde o Atlántico. Hai moita historia detrás que fixo que fora así.

-Os 70 foron anos nos que se entrevía unha certa apertura. Era o caldo de cultivo ideal?

-Si, xa estaban a xurdir moitos movementos, incluso políticos. Estaba a estampa popular galega, as asociacións culturais? Notábase que se estaba a esmorecer o franquismo, e comezan a brotar iniciativas. E unha delas vai ser o cómic, que colle a base underground estadounidense, que a finais dos 60 comeza un antiautoritario, no que se podía falar da sociedade, das drogas? Todo iso inflúe. De feito, o cómic en Galicia tivo unha crítica social que lle deu problemas.

-Houbo exposicións de banda deseñada que sufriron repercusións franquistas?

-Si, e iso que intentaban ás veces non ser demasiado explícitos por se acaso. Os corpúsculos franquistas arrincaron as páxinas de determinados cómics, a outros prendéronlles lume. Era un elemento contracultural que non gustaba ao franquismo.

-Tiña características concretas o cómic galego fronte ao do ámbito internacional?

-Había referencias culturais que eran totalmente da terra. Reimundo Patiño, por exemplo, sempre empregou o lazo céltico, as estruturas de carteis de cego? Quixo coller a cultura e adaptala ao cómic dentro do que era a súa concepción de crear unha banda deseñada galega.

-Queda algo diso nas publicacións que se fan agora?

-Lamentablemente, a idea que tivo non chegou a quedar nos ilustradores. Cada creador quere innovar, e seguir o mesmo modelo incluso sería contraproducente. Nos anos 80, coa chegada do fanzine, a movida? Houbo un cambio de paradigma, e todo o que se propuxera pasou a mellor vida.

-Falaba ao comezo da consideración do cómic como subxénero. Tradúcese iso en problemas de visibilidade?

-Cada vez é máis visible, temos moi bos autores recoñecidos a nivel internacional, o problema é que publican en editoriais de fóra de Galicia. Necesitan ir a un mercado máis potente, porque aquí as editorias aínda non ven a banda deseñada como todo o potente que é. Cada vez hai máis visibilidade, pero precísase unha industria que acabe por asentar a banda deseñada galega.