Ri moito, pero asegura que está enfadada. Anoxada polos estereotipos que lle perseguen na música, pero tamén polos que saltan do escenario e a acompañan na súa vida cotiá. Camille Hédouin, coñecida como Mounqup, ten moitas contas que renderlle ao patriarcado. Esta tarde, no festival Mulleres que transforman realidades (de 20.00 a 01.30 horas), a francesa enarborará a bandeira do feminismo en María Pita, onde actuará con artistas como as Pussy Riot.

O ton reivindicativo dos seus temas casa ben con este festival.

Si. En xeral, nos meus temas sempre estou criticando a sociedade na que vivimos. Eu non me correspondo co que se agarda dunha muller, e quero demostrar que non hai só mozas lindas e suaves...

Nota esa presión?

Si, pero non só na música, senón na vida en xeral. A vida pide ás mulleres estar tranquilas, coidar a todo o mundo? Pero non facer o que queiran. Eu estou comezando a entender por que as cousas están difíciles profesionalmente para as mulleres.

Aínda agora?

É que non quería crelo, pero é verdade. Medrar é complicado, porque profesionalizarse pide ter contactos, e todo está organizado por homes. Tamén cando temos fillos xorden as dificultades de seguir creando. Perseguir os nosos soños non é algo que as mulleres aprendéramos a facer.

Din algúns que o feminismo ten data de caducidade.

Espero que non, e que o de aquí se contaxie ao resto de Europa. En Francia, por exemplo, a xente non baixa ás rúas polas mulleres.

Foi en Francia onde se afeccionou á música. Ninguén diría agora que empezou con cancións de Mariah Carey?

Non, claro. É que hai que evolucionar! [risas]. Pero Mariah Carey ensinoume a cantar. Agora estou nun momento no que quero dar caña, porque estou cansa de que se agarde de min que faga algo suave.

Dar caña tamén en francés é outra das súas metas? Non foi ata Castro verdi

Si. Antes dábame máis vergoña cantar en francés, porque encontrei a eses intelectuais que te din como empregar a lingua francesa. Dábame vergoña ata o punto de que en Francia non facía música. Tiña que marchar para facela.

E marchou ata unha aldea illada de Ourense, para tratar de recuperar o rural galego. Tivo que mudarlle moito a vida.

Si, pero o fixen para intentar ter unha vida máis sa. Cando traballo hoxe teño a sensación de que ten moito máis sentido que o que tiña que facer antes na industria farmacéutica. A vida que me estaba propoñendo a sociedade estaba moi afastada do real. Agora, cando vou a Francia, estou de visita.