A crónica social que cantautores coma Carlos Puebla e Víctor Jara fixeron do século XX, volve para falar do presente con Rabia ao silencio, o novo traballo de María Xosé Silvar (Sés). Concibido como un espectáculo, e transformado logo nun "disco homenaxe" e "un canto á xustiza", o compendio de temas chegará esta tarde ao teatro Rosalía (20.30 horas) da man da cantareira, que falará de empoderamento, feminismo e a resiliencia dos que menos teñen.

Sempre tivo debilidade polo folclore. Tardáballe facer un disco coma este?

Si, pero máis que por unha cuestión musical, por unha cuestión de débeda coas persoas que me legaron uns valores, tanto de amor polo pobo como de xustiza social. Eu penso que o inicio dese camiño foi a influencia familiar, porque escoitei música que non se corresponde coa miña xeración. A maioría da que aquí se recolle non é coñecida, porque para min era básico que non estivese tan presente o peso da canción orixinal.

As últimas creacións de moitos artistas, como Nacho Vegas ou Guadalupe Plata, retoman ese mesmo cancioneiro. Estase a revalorizar o folclore?

[Pensa] Non o creo [ri]. Creo que o fixemos desde perspectivas moi diferentes. Os grandes clásicos do folclore son moi rendibles economicamente, e aí pode estar a causa de que determinadas persoas se acheguen a el. Pero creo que vivimos nun momento moi pobre, no que moitos dos artistas disfrazan a súa covardía dunha pseudoprofesionalidade coa que se intenta convencer de que canto menos comprometido sexa un texto, máis artístico resultará.

Preocúpalle esa equidistancia no mundo da música?

O mundo da música non existe, son os pais. Existen dos mundos: o do entertainment e o mundo da música real, no que si me inclúo e que cada vez é menor [ri]. A xente que traballa no mundo do entertainment non quere ser músico, quere ser famoso. O entertainment é á música o que a obsolescencia programada é á tecnoloxía.

A deste disco non caduca. Que di de nós que cancións de hai un século sigan a falar da actualidade?

Di que hai un crerse a falacia da sociedade do benestar. É o triunfo do individualismo.

Iso o critica en temas coma Serei curiosa. En que punto está hoxe a distancia entre política e realidade que narra Benedetti?

Pois moito máis que daquela, porque non hai nin conciencia de clase, e estamos nun liberalismo atroz que é perigosísimo. Pero a xente está a caer na trampa dos poderosos de pagar a frustración co veciño, en vez de facer pagar ao verdadeiro culpable...

Fala dos novos partidos?

Non son partidos. Chamar ao fascismo novos partidos é incluso unha vitoria para eles. Esta xente son franquistas cuns estatutos admitidos a trámite. Nada máis.

Esgrime sempre con facilidade as súas reivindicacións políticas e sociais? Axudou á súa carreira ou foi contra dela ser unha artista con discurso?

Eu creo que non se trata diso. Trátase de que son unha persoa con discurso, que me atrevín a ser eu mesma, porque a miña vontade nunca foi vender nin posar. E hai moita xente que se identifica comigo. Tamén había moitas mulleres fartas de que só as representases princesas en pelotas. Pero eu non son máis política que Malú. Hai que ter coidado con iso, porque pensamos que só as persoas que defendemos a xustiza social somos políticas. Pero as outras o son tamén. Cando unha señora sae a cantar temas machistas, estase posicionando igual que a que canta cancións feministas.