Coincidiu co rostro gris da ditadura, pero era quen de sacar sorrisos mesmo neses tempos difíciles. Barriga Verde, o monicreque ideado por José Silvent, percorría entón Galicia burlándose dos poderosos, e nun idioma que moitos rexeitaban. Esta tarde, na véspera do Día Mundial do Teatro, Comba Campoi recuperará ao famoso títere nun coloquio, que realizará na Real Academia Galega (19.30 h) xunto ao actor Santi Prego, o xornalista Raimundo García, o secretario da RAG Henrique Monteagudo e o dramaturgo Manuel Lourenzo. A autora reflexionará na charla sobre a pegada desta personaxe, que estudou no seu libro Sen medo ao demo. Resistencia simbólica na Galiza da posguerra: o teatro de títeres de Barriga Verde.

Que lle levou á interesarse pola tradición de títeres galegos?

Estaba investigando sobre comunicación comunitaria, pero relacioneime co mundo do teatro e apeteceume enfocar o seu papel como medio non masivo. Un grupo de persoas tiñamos interese en traballar sobre Barriga Verde, e no 2011 producimos o documental Morreu o demo, acabouse a peseta. Alí decidín dedicarlle unha reflexión máis teórica, porque foi moi importante para a vida dos nenos da posguerra en Galicia.

No seu libro refírese a este monicreque coma unha sorte de resistencia?

Era unha resistencia simbólica, que era a única que se podían permitir as clases subalternas en Galicia, e que se facía empregando os dobres sentidos, as cancións satíricas? A acción política aberta estaba penada, e o único que se podía facer era expresar dun xeito velado ese descontento.

Non había represións para este tipo de fórmulas?

Como eran espectáculos tan humildes, non se lles daba importancia. Pero reprimíase aos artistas. Unha das primeiras medidas que se tomaron foi dicirlle a todos os creadores populares que garantiran que o seu espectáculo era moral. Facendo un chisco a eses requirimentos, a familia Silvent tiña nas súas barracas: "Pavillón da risa. Espectáculo culto e moral".

Que temas se trataban naquel Pavillón da risa?

Cada representación era diferente, e en cada unha permitíanse facer as bromas que o público admitise. Se había persoas populares, as burlas eran moi distintas ás que se facían cando había gardas civís. Pero Barriga Verde facía un traballo nos imaxinarios, de manter a esperanza dunha realidade distinta da presente.

Unha, ademais, en galego.

Iso favorecía a identificación por parte do público, que se vía nese heroe popular. Barriga Verde facía o que todos desexaban pero que ninguén se atrevía a facer. Burlarse do cura, bater ao demo? Sempre vencía aos contrincantes, que eran figuras da autoridade.

Segue a manter hoxe a identidade que tiña con Silvent a tradición do monicreque galego?

Hai intentos, estanse a dar pasos moi interesantes para actualizar a Barriga Verde. Eu creo que a única chave que hai que manter é o espírito irreverente. Creo que se lle quitamos iso, desnaturalizámolo.