Na súa mocidade, o soño de Santiago Fernández era ter un teatro. Daquela semellaba un desexo imposible, deses que quedan soterrados nun caixón, e aos que se lles bota de cando en vez unha ollada enchida de nostalxia, pero co tempo a ilusión foi madurando. En 1998, reclamado por ducias de actores vocacionais, o intérprete coruñés fundou xunto a Manuel Lourenzo o Estudo de teatro Casahamlet, unha aposta máis modesta do seu primeiro anhelo. Alí, no número 11 da rúa Alfonso VII, o director comezou a ensinar os segredos dunha disciplina que festexa hoxe o seu Día Mundial, e que non tiña, hai 21 anos, quen loitase nas súas trincheiras en Galicia.

"Naquel momento, aquí non había quen ensinara teatro. Lembro que nos comezos de Casahamlet non parábamos, porque as moitas series que había santificaran o de ser actor, e tiñamos ata 100 alumnos", conta Fernández, que asegura que ese interese polas táboas, malia o tempo, mantívose. Hoxe, a escola aglutina a un diverso abano de estudantes, desde os 19 anos ata os que gozan do teatro xa na xubilación. Con 17 de eles, e a través dun proceso de traballo colectivo, é cos que o coruñés deu forma estes últimos meses a O negro das viúvas, a súa a nova montaxe, que levará esta tarde a Portas Ártabras (20.00 horas) unha cadea de textos dabondo coñecidos.

As plumas ás que pertencen son dispares, pero coinciden na popularidade que conseguiron nas súas representacións. Fernández buscou obras nas que todos os estudantes se superasen e "tiveran cabida", e rematou vertebrando nunha peza as verbas dos grandes da dramaturxia. "É un espectáculo culto, porque os autores son premios Nobeis do teatro", di o director, citando como exemplo a William Shakespeare ou Sara Kane.

O británico Harold Pinter, Álvaro Cunqueiro e algúns textos breves de Manuel Lourenzo únense á troupe para completar unha obra deseñada "para que ninguén se aburra", e pola que desfilan os alumnos que a traballaron durante tres meses no local teatral. Nel estudaron aspectos da interpretación coma a voz ou o espazo escénico, e descubriron con sorpresa os lazos invisibles que fían a escritores tan distintos como o autor de Romeo e Julieta e Kane.

O teatro, asegura Fernández, "é unha linguaxe universal" e, aínda que os autores non se recoñezan os uns nos outros, atópanse nos seus textos puntos en común. As emocións e os perfís das personaxes coinciden nas pezas dramáticas malia que teñan diferentes firmas, coma é o caso de Manuel Lourenzo e Pinter, que comparten un gusto pola brevidade coa que son capaces de converter "calquera feito nun espectáculo".

A súa concisión, porén, non repercute en O negro das viúvas, que pode alongarse máis aló das dúas horas, aínda que chegará hoxe nun formato de 75 minutos. A representación coa que contará será flexible, amosando unhas partes ou outras en cada función, coa que xa ten citas nos museos de Belas Artes e Pardo Bazán, e outros puntos da provincia como Arteixo e Sada.

Casa Hamlet fai un esforzo por promover a dramaturxia nun intre no que, advirte o seu director, "o teatro oficial de Galicia non existe". "O Centro Dramático Galego, que sería quen tería que fornecelo, está de capa caída desde fai tempo", afirma o actor, que lamenta unha falta de axudas que lles impiden "chegar ata os lugares" aos que poderían. A súa ilusión, porén, mantense intacta malia as dificultades, logo de 21 anos de traballo. "O meu obxectivo é que isto medre, e que os alumnos rematen por formar as súas propias compañías. Oxalá me ensinen algún día eles a min", desexa. E cruza os dedos.