Desde ben pequeno, Quique Peón sabía que tiña unha misión na vida. Unha que supuña percorrer as aldeas, falar con aqueles que un día cantaron e bailaron nas foliadas, e salvagardar unha tradición que o lodo do esquecemento se afanaba por engulir. En Xacarandaina, o Grupo de Música e Baile Tradicional, o artista veu abrirse unha vía para esta operación de rescate, que lidera desde hai 37 anos. Tres máis, 40, son os que festexa a formación este 2019, cun espectáculo que chegará esta tarde ás 20.30 horas ao teatro Colón.

Pola súa escena desfilarán varias daquelas pezas que lles foron arrincadas das mans ao abandono e ao paso do tempo. Son danzas como a de Bergantiños ou Trasmonte, muiñeiras, partituras de entroido e xotas coma a de Son ou de Vilar, que o grupo gravou entre 1981 e o 2018 e que agora recompila nun novo traballo de estudo. En 40 anos Xacarandaina, o grupo tende ao sol, co orgullo do esforzo e o traballo ben feito, 15 temas escollidos entre as máis de 1.000 recollas da súa historia. Son cancións que a banda xa convertera en disco, tanto o ano pasado como no 81, o 90 e o 2006, e que hoxe camiñan xuntas da man de 50 artistas para amosarlle ao mundo todo o que a tradición pode medrar.

"Nótase unha evolución clarísima, sobre todo a nivel de ornamentos. Tivemos que matizar as pezas máis antigas, porque gravar o tradicional parece sinxelo, pero no seu momento os estudos non o sabían traballar", explica Peón sobre o albume, que define como unha páxina "da historia galega".

Algúns dos seus pasaxes, estaban ata o de agora aínda ocultos ao gozo popular. As pezas inmortalizadas en Nakra Estudios no 2006 quedaron naquelas datas na escuridade dun caixón "por falta de apoio institucional", e forman parte do material inédito que, xunto ás últimas gravacións, o grupo lanza no seu novo traballo. Todas as obras que se recollen nel, apunta Peón, son importantes, porque supoñen devolverlle a vida as músicas perdidas do pasado. O artista lembra, porén, con especial agarimo a gravada no Festival Internacional do Folclore de Chateauneuf du Faou, o primeiro no que participou en Europa, cando o grupo comezaba a coller pulo logo da súa fundación en novembro do 78.

O agora director de Xacarandaina estaba xa daquela na trincheira do folclore. Peón lembra "con pelos e sinais" aquel anuncio, que recibiu da súa profesora de música no instituto sendo un rapaz, sobre a formación dun grupo de canto e baile galego. Por aquel entón, existían na cidade unha morea de pequenas bandas, que poñían en escena o folclore a unha escala menor. Xacarandaina, naqueles anos de apertura de finais de década, aglutinou ás agrupacións espalladas, e empezou a súa andaina cunha escola como canteira, 30 membros e Rosi Ares e Lino Rivas ao timón.

O rigor á hora de levar a escena o baile e a música galega, e o respecto á vestimenta e ao xeito de falar e tocar das súas zonas de orixe, foi o que moveu a Xacarandaina desde os seus inicios. A formación axiña comezou a somerxerse na investigación etnográfica, logo de coincidir varias veces en repertorio coa Asociación de Coros e Danzas Eidos, da que proviñan algúns dos seus profesores. "Daquela facíamos divulgación de folclore folclore. Non era noso, por iso empezamos a recoller nas aldeas, e abríusenos unha porta enorme", lembra Peón.

Corenta anos de traxecto desde entón non fixeron esmorecer o interese polos tesouros dos pobos galegos, nos que aínda quedan xoias ocultas por desvelar. O grupo de Peón continúa hoxe ao pé do camiño, malia que co devagar do tempo as sendas se volveran corredoiras, e os informantes foran desaparecendo. "Xa non é como antes, cando había 80 persoas nas foliadas. Hoxe esa xente de máis idade xa non está, e volveuse unha tarefa máis complicada", conta o director.

Ao menor número de fontes, o bailarín suma outras dificultades na ruta de Xacarandaina. Peón lamenta a "falta de apoio" por parte das administracións que sofre o grupo dentro do folclore, e pide unha man amiga para saltar as fronteiras estatais. "O que non ten sentido é que vaiamos representar a Galicia nun festival internacional e que teñamos que poñer os cartos nós. Hai que espertar e apoiar unha actividade na que hai tanta xente", apunta. E é que, na outra cara da moeda, atópase a remontada que a tradición galega está a experimentar. En Xacarandaina cantan e bailan estes días preto de 80 persoas, procedentes moitos dunha escola na que se forman arredor de 600 nenos, en disciplinas como a pandeireta, a gaita ou as corais.

Por elas, pasaron neste tempo grandes nomes do folk como Sés, Bieito Romero ou Xabier Díaz. A canteira foi, asegura Peón, imprescindible para manter a actividade durante todos estes anos, nos que o grupo se apunta como un logro a formación do primeiro grupo de pandereteiras e o lavado de cara que, co novo repertorio, lle fixeron ao folclore de Galicia. Antes da súa entrada en escena, no franquismo, a música e o baile de raíz existía, pero baixo un foco diferente. Era un espectáculo "cara a galería", de corte case "turístico", que non casaba coa "loita polas raíces" que Xacarandaina veu reivindicar como pivote da súa contenda.

Un folclore en pé de guerra

O recoñecemento do "patrimonio inmaterial de Galicia" foi a primeira batalla do grupo, que tomou as armas máis tarde para amosar, a través de espectáculos propios, que o folclore pode competir con propostas escénicas de calquera índole. A loita actual segue a ter que ver coa valoración da raíz, pero neste caso da muiñeira, da que Xacarandaina agarda que se declare Patrimonio da Humanidade ou Ben de Interese Cultural.

Do proceso Peón afirma que "pode levar tempo", pero que é unha meta segura. Mentres, traballa coa súa banda algunha muiñeira para o novo espectáculo de danza que prepara, co que se pecharán os festexos do seu aniversario.