Levantar ao público a base de rock and roll, e facelo na lingua propia. Esa é a meta de Ith, o grupo coruñés liderado por Lucía Da Fonte, que aposta por introducir o galego nun xénero no que aínda camiña a tentas. Logo da súa posta de longo con Forte, o seu primeiro disco de corte setenteiro, a banda recala este sábado na Mardi Gras para interpretar os novos temas de O mínimo que contén todo. O albume, que soará a partir das 22.00 horas, supón un paso máis na profesionalización do grupo, que pasa da autoprodución á gravación co produtor Arturo Vaquero.

Exploran novos sons neste segundo traballo, buscaban dar un paso máis na súa música?

Si. Apetecíanos cambiar un pouco. Forte é un disco moi setenteiro, que gravamos nunha casa de pedra como se facía na época, por iso o son non é nada actual. Apetecíanos refrescarnos un pouco, gravar nun estudo con arranxos máis de tendencia, e creo que o resultado é bastante positivo.

E cun espírito moi guerrilleiro. "Dóeme o peito polo que vexo, tamén polo que calo", cantan en Son eu . Que lles indigna?

Os refuxiados é algo que nos preocupa, malia que ao final, por moito que esteas comprometido co tema, es vítima pero tamén verdugo, porque é unha corresponsabilidade. Pero o asunto da canción para min foi un descubrimento tamén. Esa letra a fixo o guitarrista Miguel Iglesias, e eu interpreteina ao meu modo. Pensei que lle pasara a Miguel algo persoalmente, pero máis adiante, cando decidimos gravar o videoclip, a produtora pediunos o argumento, e Miguel díxolle que ía sobre a rabia da emigración.

Hai un problema de insensibilidade en Europa?

Si. E hai que ter empatía. Se houbese aquí un problema como pode haber noutros países, tamén nos gustaría ser acollidos noutros lugares. De feito, cando nos anos 60 houbo toda esa emigración cara Latinoamérica, recibíronnos cos brazos abertos. Nós non abrimos as portas, e cremos que hai que valorar ás persoas polo feito de ser persoas, sen fixarse na denominación de orixe.

Xa que fala de denominación de orixe? Non está moi normalizado iso de rockear en galego?

En realidade hai máis grupos dos que se pensa que canten en galego, e grazas á rede agora hai máis visibilidade. Nós somos galegofalantes, e as letras creo que saen mellor cando escribes dun xeito máis honesto. E compós dun xeito máis honesto cando escribes na lingua na que pensas.

Pero no imaxinario colectivo, a lingua está lonxe do xénero.

Eu creo que iso é algo que se está empezando a salvar. Aínda queda moito traballo por facer, pero cada vez hai máis grupos de pop, de indie ou de blues que teñen máis cousas en galego. Ben é certo que a aposta de todo un repertorio no idioma non é o máis habitual.

Para apoiar esta proposta, vostede forma parte Mulleres Galegas Kañeras, un colectivo para visualización da artista galega de rock. Enfróntanse a un dobre reto?

Si porque, se rockeiras hai poucas, metaleiras hai menos. A verdade é que creáronse sinerxías interesantes en Mulleres Galegas Kañeras. É unha forma de ter máis apoio, non só no musical, tamén persoal. E da moita visibilidade.

Segue a haber moita invisibilización para a muller no rock?

Polo feito de ser muller, en calquera eido sempre hai unha traba. Tes que demostrar máis os teus resultados e xustificar máis cada acción. Pero creo que hai que ser positiva, e recoñecer todos os esforzos que se están a facer. Hai que seguir abrindo camiño.