É unha aposta chea de riscos. Desde a forma, unha produción moi afastada deses clásicos de Shakespeare que sempre auguran éxitos, ata o tema, a identidade dunha terra que, polo ir e vir da historia, arrastra tras de si unha relación complexa co propio. A identidade galega, hoxe máis ca nunca, é un tema tabú que moitos rexeitan tocar. Non é o caso do Centro Dramático Galego (CDG), que amosa estes días a súa última produción, Neorretranca e posmorriña. A obra, que une os textos de Roi Vidal e Esther F. Carrodeguas, bótalle humor a ingredientes tan explosivos coma os tópicos ou a lingua para falar do que significa hoxe ser galego, e para animar desde diferentes lentes a "reflexionar sobre o noso" desde a nosa propia perspectiva.

A representación xorde do proxecto Dramaturxente, unha iniciativa do CDG ideada para promover a creación teatral galega contemporánea. No marco do programa, e a comezos do ano pasado, unha ducia de autores lanzáronse a traballar o seu talento no obradoiro DramaturXa, no que se mergullaron na cuestión da identidade baixo a coordinación de Manuel Lourenzo. Fantasía nº 5 en sol ou non, de Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza de Vidal foron as obras elixidas para conformar a produción. A responsable da escolla foi Gena Baamonde, directora da irmandade dos espectáculos, que chegarán esta tarde e mañá (20.30 horas) ao Teatro Rosalía como parte do seu percorrido por Galicia.

Malia que difiren fortemente nas súas linguaxes, os dramaturgos comparten neles o humor. Desde o comezo ata o fin da obra a gargallada convértese na protagonista grazas a unha retranca tan galega coma necesaria para abordar esta clase temas, dos que Baamonde recoñece a súa controversia. A directora encomia a "valentía" do CDG por "tratar un asunto que pode facerse complicado no contexto político no que nos atopamos", e rexeita "terlle medo" a tratalo en escena. A súa preferencia polas verbas de Carrodeguas e Vidal foi, di, precisamente, por esa ironía que destilan, e polo "reto" que supuña combinar dúas linguaxes tan diferentes en escena. "Para min é un desafío, pero tamén é moi bo que o público vexa que se pode xogar con ferramentas moi distintas", apunta a directora.

A proposta máis rupturista vén da man de Carrodeguas, que concibe a súa Fantasía coma "un catálogo de pezas que aposta pola danza". Nela expón a necesidade de "avanzar", deixando atrás símbolos que xa non encaixan coa realidade, e facendo un repaso polos tópicos galegos. "Atrévete a falar de Galicia sen caer nalgún tópico, porque é difícil. Fixemos un listados e saen todos, desde os percebes ata Santiago e a choiva", di Baamonde. Tamén en caricaturas cae Vidal na súa representación. Boisaca ou a divina desgraza "dispara contra todo" na viaxe ao pasado que plantexa, na que o autor relata unha aventura para achar ao seu pai Roberto Vidal.

Na homenaxe mestúranse referentes históricos galegos coma Castelao ou Rosalía con outros actuais, cunha liña moito máis clásica ca de Carrodeguas. Ambas as dúas son mostras dun teatro que, asegura a directora, "escasea en Galicia", onde son poucos os que se animan a facer produción propia. "Sempre estamos a volver a Shakespeare, e está ben facelo, pero tamén hai que falar do noso", sinala Baamonde, esperanzada malia todo pola "concienciación" da xuventude galega.

A directora recoñece que na sociedade "existe unha problemática asociada ao idioma", pero tamén "unha cultura galega moi potente das novas xeracións". "Teñen claro que a identidade é algo que vai con eles, e que máis vale entendela", di a actriz, que garda un abano de reivindicacións na nova función.

Ata o mesmo elenco chega a crítica desta Neorretranca e posmorriña, que afonda tamén na cuestión de xénero. As mulleres forman todo o equipo de produción da peza, co fin de clamar por unha "igualdade que aínda non está acadada" no mundo das artes.