Dicía Suso de Toro que eran "as voces segredas do canto galego" e, aínda que saben que non son " Los 40 Principales", si que son "un grupo de referencia". Leilía, o sexteto de pandereteiras de fins dos 80, cumpre 30 anos de concertos e loita pola música tradicional. Esta tarde o celebran no Colón (20.30 h.) con CantarElas, un espectáculo sobre a súa historia "pasada, presente e futura", no que adiantarán algúns dos temas do seu próximo lanzamento discográfico.

Que conclusión sacan desta mirada ao seu pasado?

O balance é francamente positivo. Cando Leilía comezou, o noso obxectivo era poñer en valor esa riqueza da tradición oral das mulleres de Galicia, que estaba agochada. Ese troco de pasar de algo que ninguén coñecía, a que sexa algo interiorizado como parte da nosa cultura, é o que nos fai estar moi orgullosas destes 30 anos. Podemos dicir: obxectivo cumprido.

No camiño, terían que rachar con moito estereotipo.

Iso foi emocionante. Daquela eramos unhas vinteañeiras, e non nos importaba se os demais o entendían ou non. Lembro que actuabamos cheas da nosa razón, da que nos daban as recollidas. O grupo, cando subía ao escenario, o facía con todas as da lei.

E fóra del tiñan certa reticencia a amosar á pandeireta. Foi tamén unha loita vós mesmas?

Dentro do grupo había unhas cantas compañeiras que o levaban con certa timidez. Unha, cando ía ao instituto, levaba a pandeireta envolta para que non lle soara. Ela ía así, pero a min dábame igual [ri]. Claro que un pouco de medo tiñamos, sobre todo cando nos enfrontabamos aos festivais nos que o normal eran os grupos folk, e entrabas ti e te miraban coma un bicho raro. Pero a resposta do público era alucinante.

Hoxe avanzou esa figura da pandereteira, historicamente secundaria?

Neste intre, eu creo que está completamente recoñecida. Hoxe non se entende a música tradicional en Galicia sen o canto e a figura da pandereteira. Pero cando nós comezamos era algo moi residual.

Que expectativas había logo con aquel primeiro traballo?

Cando decidimos facer ese traballo, había xente que nos dicía se estabamos tolas. Que como pretendiamos que alguén escoitara aquilo que fixemos. Pero era o que queríamos facer. E é un disco que, pasadas tres décadas, segue a venderse. É unha referencia.

Leilía partiu da tradición pura e avanzou incorporando instrumentos e letras actuais. O futuro da tradición está na modernidade?

Primeiro habería que definir que é tradición, e iso xa é un debate complexo [ri]. Eu falaría do futuro dunha cultura. Unha cultura ten que adaptarse aos tempos, porque as persoas evolucionan e precisan facer cousas distintas. É o que nos pasou a nós. Dixemos: queremos facer cousas novas, pero sen esquecer de onde vimos. Iso é o importante.