Normalizar unha lingua é sacala as rúas. É empregala para comprar o pan, escoitala nun traxecto calquera no bus urbano, e atopala no estante, cando se vai buscar unha obra nunha libraría. Pero tamén é vela nos hashtags, pór estados de WhatsApp, ou facer con ela stories de Instagram. Chegar á rede, a irrealidade cada vez máis real que nos rodea, e difundir por ela a singularidade dunha terra cuxos influencers falen en galego sen xustificacións, tan só porque queren.

YouTube, a plataforma de vídeos en liña, é o punto de mira de Youtubeir@s para facer do galego algo trending. Van xa tres anos que o proxecto loita por animar aos creadores de contido a soltar a lingua, e ao público a viaxar por ela a través de titoriais, reseñas ou vídeos musicais nas súas canles. Na iniciativa unen forzas 13 concellos, entre eles o coruñés, e as universidades da Coruña, Santiago, Vigo e a Deputación. Os seus servizos de normalización lingüística apostan por internet para fornecer esa feble relación que ten o idioma cos máis novos, aos que ofrece esta mañá un espazo para reflexionar sobre o papel que a lingua debe ter na rede.

Desde as 10.30 horas, o Centro Cívico da Cidade Vella encherase de influencers, e tamén do público xeral interesado por este tipo de contido. Os participantes tiveron ata a xornada de onte para inscribirse á actividade na que„ segundo a súa coordinadora, Mónica Fernández„ xerarase "un espazo de traballo dinámico". Nel, os traballadores da plataforma poderán abordar cuestións como "a lingüística, a perspectiva temática" e aspectos como o impulso do número de visualizacións. A xornada estará dirixida polo colectivo Ben Curiosa, un equipo especializado na creatividade en común, que acompañará o proceso ata as 13.30 horas.

O seu obxectivo será tamén crear lazos entre os youtubeiros, seguindo o lema deste 2019 Conéctate á comunidade e multiplícate. Conectar, sacar por primeira vez fóra o seu programa máis aló da gala de premios de cada novembro, é o que intenta con esta cita o proxecto no seu marco, no que contará con outro encontro entre público e influencers o 28 de xuño en Santiago de Compostela.

Conta Fernández que "a meta é facer ver que temos singularidades desde este lado da terra",e "animar a crear vídeos en galego para dalas a coñecer". "É interesante explorar as realidades doutros sitios pero, por que nós non podemos amosar a nosa?", pregúntase a coordinadora, que lamenta que o uso masivo da rede non teña a súa réplica no emprego da lingua.

Asegura que "non se trata de que o galego se converta nunha moda, porque as modas teñen o perigo de ser pasaxeiras, senón de poñelo en valor". "Ao final, a rede é o reflexo do que acontece noutros ámbitos", di a responsable, convencida de que Internet pode ser un pulo para a normalización lingüística na sociedade.

A idea da retroalimentación xurdiu durante un curso de verán, no que se puxo baixo foco o vínculo existente entre lingua e mocidade. Alí plantexouse a que dedicaban os máis novos o seu tempo de lecer, e inmediatamente agromou o termo Youtube, sobre o que decidiron montar unha gala de premios para os que se atrevían a divulgar nas súas canles o galego.

Desde aquela primeira edición, os Premios Youtubeir@s ampliaron o seu galardón en metálico ata os 6.500 euros, e diversificaron o número de categorías ás que optar como a de vídeo-cantarmos, orientada ao material musical, ou o premio especial do público. Para os participantes, o certame converteuse nun xeito de "visibilizar" o seu traballo, que tamén mudou co tempo pasando de vídeos nos que xustificaban o uso do galego á gravacións nas que o asumían como natural, mentres "opinaban ou pintaban a raia do ollo".

Non son, porén, os vloggers de moda os que máis triunfan na rede galega. "Sobre todo hai moita proposta de transmisión de saberes que se queren divulgar e conservar", apunta a organizadora da iniciativa. Un exemplo é a canle As cousas do choio, na que, co seu neto á cámara, un avó explica cuestións da vida cotiá, como a mellor forma de dar cartos ás agachadas ou o modo de escaquearse dun xantar en familia. As posibilidades temáticas son moitas, tantas como redes a galeguizar, e Youtubeir@as xa lle ten botado o ollo ao que podería ser o seu próximo obxectivo: Instagram, e os seus vídeos curtos ou stories.