O jazz non é un planeta solitario. Rodéano multitude de aneis, coma aqueles cos que conta Saturno, aros de po e xeo cos que o xénero comparte o seu afán por crear de xeito improvisado. Entre eles agroma o flamenco, a música mediterránea ou mesmo os ritmos apaixonados da timba. Son fusións a anos luz das melodías "precociñadas", esas que abundan en festivais e radios comerciais, e para as que o +QueJazz crea, desde fai seis anos, unha xanela aberta na cidade.

Na súa nova edición, que estenderase do 3 ao 20 de xullo, o ciclo musical continúa a súa aposta polo "jazz e os seus satélites", cun cartel de máis dunha decena de artistas chegados desde o panorama nacional e internacional. Así o presentaba onte en rolda de prensa o dono do Garufa Club José Méndez, artífice xunto a Alberto Mella (Jazz Filloa) da iniciativa, que sumará nesta volta un novo escenario coa man amiga do Concello.

O goberno local únese por primeira vez ao programa co teatro Colón, que cederá as súas táboas para alugar ao prato estrela do cartel. O 3 de xullo, coma primeira das citas, tocará no espazo o cantante e saxofonista estadounidense Bill Evans, que estreará na Coruña o seu novo proxecto de soul e funk The Spy Killers.

Wolfgang Haffner, Simon Oslender e Gary Grainger acompáñano nesta aventura, para a que se mudou o punto de inicio da súa xira europea. "Ía comezar o percorrido o día 5, pero o adiantamos para que empezara aquí. Custou moitísimo traelo", conta Méndez, para o que o músico foi "o gran reto deste ano".

O responsable do ciclo agarda que a súa presencia sexa "un reclamo" para "atraer á xente que ten o concepto do jazz como algo difícil". O seu concerto servirá tamén para non baixar o listón do festival logo de participantes anteriores como Clarence Bekker, un nivel que Méndez e Mella apuntalan nesta edición cunha mestura de flamenco e melodías mediterráneas.

A música brasileira de Turma Caipira, que presentará no Garufa o seu disco Bellis silvestris, é un exemplo deste tipo de fusións polas que aposta o programa. O cartel contará no mesmo local co funk madrileño de Migty Vamp, o son cubano e o jazz neoiorquino de Dayramir González & Habana Entrance, así coma con Valentín Caamaño e Puerta Sur, un cóctel de jazz e flamenco disposto a amosar o "brutal potencial" que hai en Galicia.

A súa actuación pechará o día 20 o ciclo, que sumará outras "propostas interesantes" da terra xunto a míticos do Garufa como a Garufa Blue Devils Big Band. A orquestra, "un luxo non para o local senón para a cidade", achegará un espectáculo especial de swing dos anos 40 e 50, e deixará oco para que a súa vocalista, Paula Pérez, amose o seu talento en solitario baixo o nome de Paula Parker Group. Tamén o Jazz Filloa incluirá no cartel a algún habitual da sala, coma Toni Mora ou Alfredo García Trío. O grupo coruñés presentará no marco do festival o seu traballo Viruxe, que soará precedido doutro destacado da edición, o pianista de jazz afincado en Nova Iorque Santiago Leibson.

O proxecto máis peculiar do ciclo correrá a cargo de Ton&Teira, que farán do clube de Alberto Mella o fogar da súa música. Alí combinarán o vibráfono e a guitarra, farán soar desde o jazz clásico ata as partituras de latinoamérica, e demostrarán que, como se advirte xa desde o título, o ciclo sempre prende ir un pouco máis alá. "O nome [do festival] non é moi imaxinativo, pero si moi explicativo de cara onde imos. Aquí non hai oco para músicas precociñadas", explica Méndez, que con cada edición pretende dar pe a "un festival máis plural", que non sexa "do Filloa" nin do seu espazo, "senón da Coruña". As entradas para gozar da súa proposta, e descubrir todos os meteoros que habitan ese universo do jazz, están xa dispoñibles en plataformas como Ticketea por un prezo entre os 28 e os 10 euros. A cifra baixa a ata os 8 para os shows do Filloa, con tickets só dispoñibles en taquilla.