Logo de bater todos os récords con Somos criminais, o seu anterior espectáculo, Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán volven sumar talentos en Unha noite na praia, un texto sobre España, o pasado e sobre como nos ven desde fóra. Firmado por Javier Veiga, e fiado a través do encontro dun empregado de chiringuito (Touriñán) e dun sueco, Klaus (Blanco), a obra chegará á cidade cun dobre pase este venres e o sábado, con funcións ás 20.30 e 23.00 h. no teatro Colón.

Une forzas de novo con Touriñán. Isto ole a dúo consolidado

Non, non. Despois de Unha noite na praia, Touriñán ten xa outro proxecto teatral, e eu tamén. O que si que é verdade é que levamos uns anos traballando xuntos, e xa nos coñecemos moi ben. Touri sabe o nervioso que son eu, e eu sei o tranquilo que é el, así que nos complementamos ben, e tamén nos queremos. Iso axuda moito a traballar e a pasar os días malos.

Houbo moitos nesta peza?

Eu no proceso sufrín bastante, porque levaba moito tempo sen ter que memorizar tantísimo texto. Agora estou rodando unha serie, e paréceme un xoguete comparado cos tremendos monólogos que solto en Unha noite na praia. Aínda por riba, o fago con acento sueco, que o dificulta todo.

Íalle preguntar. Como lle vai a nova nacionalidade?

Está ben. A verdade é que o que máis me atraía era precisamente ese reto de falar en varios idiomas. Falo medio en galego e en castelán, con acento sueco e algunha vez en alemán e en inglés. Eu sufrín, porque ademais Veiga é moi esixente e fíxome traballar dun xeito diferente a como estou acostumado. Algunhas veces sentíame como se estivera xogando ao pádel, pero coa zurda [risas]. Pero a compensación venme agora.

No texto fai unha reflexión sobre o turismo, e sobre Galicia

A función está adaptada a Galicia, pero Klaus opina sobre España constantemente. De feito, representouse en México, e non sería raro que, con outro actor máis comercial, puidese ir a Madrid ou Barcelona.

Temos que observarnos desde os ollos do outro para ver como somos realmente?

Non está mal que, de vez en cando, alguén te dea a súa visión desde fóra. A min gústame escoitar aos corresponsais estranxeiros, alguén que vive aquí e coñece España. Teñen unha visión moi interesante, porque é a visión dun espectador. Aquí sempre temos a tendencia de "una de las dos te va a helar el corazón, la de Vox o la de Podemos" [risas]. Vivimos nese enfrontamento permanente, e eles obsérvano sen estar implicados.

Na obra fálase tamén das frustracións do pasado. Cal lle queda a Carlos Blanco?

Quizais me tivera gustado empezar antes, ou estudar interpretación nunha boa escola. Tamén lle teño dito que non a cousas que despois foron éxitos, e que eu non vin. Pero xa non o vexo como unha frustración, porque conseguín o que quería, que era vivir do meu traballo, ter o cariño do público...

Dicíame a outra vez que falamos que vostede facía teatro comercial. Non lle chama facer apostas fóra do circuíto?

Dinlle voltas fai tempo, pero me pareceu que en Galicia aínda non temos un público formado para isto. Non hai unha tradición teatral e non hai hábito de pagar unha entrada. Ademais, a demanda fundamental é de comedia.

Lonxe diso, fai pouco chegoulle a oportunidade de gravar La unidad

Pero cuidao, que aquí son policía! [ri] Con La unidad pasoume algo moi bonito, que é que gravei por primeira vez na Gran Vía. Iso de verte alí, co equipo apartando aos peóns, todo o mundo mirando para ti... Foi unha sensación moi curiosa. Á verdade é que La unidad está sendo un luxo en tódolos sentidos. O único problema desta serie é que rodamos moitísimo pola noite, e xa non está un en idade de deitarse tan tarde [risas].