Sacar aos veciños das súas casas, polos a bailar na rúa, e propiciar un espazo no que cantar, gozar e coñecerse. O FoliAgra, que cumpre este ano a súa VI edición, converte en festa a súa vocación de barrio para construír un punto de encontro ao aire libre. Agardando que as chuvias non entorpezan a xolda, como aconteceu o ano pasado, a celebración da asociación veciñal ten xa todo listo para a foliada. Onte desvelouse o cartel desta volta, continuísta co do 2018, que ofrecerá aos cidadáns pasarrúas, música e actividades para os máis pequenos durante toda esta fin de semana.

A música tradicional, e o seu baile, serán o epicentro do festexo, que busca aproveitar o carácter aberto do popular para que o público non sexa só espectador, senón partícipe. Con ese espírito abrirase a xornada do sábado da man da Foliada das Tabernas, uns percorridos pensados para que se decate da festa "todo o barrio", e que levarán desde ás 12.15 horas o canto e a danza a 13 locais do Agra do Orzán.

Grupos coma Tombalobos, Parabéns, Birloque Gaiteiros ou Os Pantosos formarán parte desta primeira ronda, na que se invitará aos veciños a unirse ao festexo. "Ás veces están tomando algo nos bares e anímanse cando os grupos os sacan a bailar. Iso é o bonito", asegura a presidenta da asociación veciñal do barrio, María Gutiérrez.

Pola mesma fórmula itinerante apostarase cos pasarrúas que, desde as 17.00 horas, protagonizarán as formacións de Rexouba e Escola Sementeira. A súa fin ás 19.00 horas dará pe na praza das Cunchiñas a unha foliada aberta á veciñanza, na que todo aquel que queira poderá pórlle banda sonora ao festexo cos seus instrumentos e pasos de danza. A cita é unha das que máis público reúne nas festas do Agra do Orzán, que aproveita as derradeiras raiolas do día para soltar a melena. Tamén na última franxa do día, pero o domingo, haberá oco para o bulicio nocturno cunha foliada folk, na que actuarán no mesmo enclave a banda Tanto Nos Ten e o conxunto de Xosé Lois Romero e Aliboria.

Toda a xornada do día 16 terá as Cunchiñas como escenario. A el subirá Cántigas da Terra ás 12.30 horas, outra das actuacións destacadas este ano por Gutiérrez, que plantexa o FoliAgra coma un festival co que chegar a "todos os públicos". É por iso polo que tamén os máis cativos, cada día a partir das 17.00 horas, terán o seu espazo reservado na praza, con actividades a súa medida. O sábado consistirán nun directo de Mamá Cabra, e o domingo nun espectáculo de ilusionismo, no que os magos Martín Camiña e Fani Triana abraiarán cos seus trucos á xente miúda.

Conta a presidenta da asociación que os nenos, precisamente, e os máis maiores, forman o groso dos asistentes no festexo. Os que escasean son os mozos, "os grandes ausentes" do FoliAgra, que "viven cada vez máis a través das pantallas e non teñen participación directa in situ". Os migrantes, nun dos barrios máis diversos da cidade "con máis de 30 nacionalidades", son outra presenza tímida na celebración. Algúns achéganse, e converten así o festival nunha ponte entre culturas, na que poden coñecer en directo as melodías de raíz dunha terra como a galega.

"Temos un patrimonio musical moi rico no noso país. O noso é o noso e, se non o defendemos nós, non o van facer noutro lado", di Gutiérrez. A responsable do grupo veciñal asegura que o tradicional ten hoxe "bo pulso", con "propostas moi interesantes" por parte da "xente nova". Bota en falta, porén, que se lle dea máis espazo en festas "coma as de María Pita", modelo do que o FoliAgra se afasta guiado polo seu desexo de "fomentar o que temos aquí".

Chegar a aumentar o número de grupos, e de locais participantes, é outra das metas da asociación, que pensa xa nas edicións que encarará no futuro. A Gutiérrez gustaríalle ver nelas un aumento nas cifras de público, para que cada vez máis xente "gozara e se xuntara nas prazas", fornecendo a golpe de muiñeira, alalás e sopros de gaita os lazos co que habita ao carón.