Á fronte da Asociación Cultural Donaire e do seu grupo de baile tradicional, Olga Kirk ten unha perspectiva ampla da situación da música e da danza de raíz. Ilusionada polos brotes verdes que ve no xénero, a artista festexará mañá no Ágora (18.30 horas) coa súa escola o VII Dálle Donaire, unha gala de fin de curso que xirará arredor de Antón Fraguas e da investigación sobre o traxe galego.

Que balance fai desta tempada da asociación?

A verdade é que este ano complicóusenos moito, porque houbo un boom. A asociación naceu hai 19 anos con 30 persoas, e agora mesmo creo que somos 500 socios. Hai outra vez un pouco de agarimo pola nosa música, e polo noso baile tradicional. É unha aprendizaxe boa para os maiores, pero sobre todo para os nenos, e logramos que moitos, agora xa de adultos, teñan a intención de dar clases e investigar polas aldeas.

Vostede traballou moito niso desde nova. Mudou a percepción do tradicional desde aquelas recollidas da xuventude?

Mudou a concepción dos grupos, e incluso do folclore. Por exemplo, lembro que cando eu me iniciei era case imposible ver a unha rapaza tocando a gaita. Eu fun unha das primeiras mozas que saíu ao escenario tocando a percusión e o acordeón. Nos grupos folclóricos sempre houbo unha actitude un pouco machista, sempre os homes eran os que lideraban, pero hoxe estamos equiparándonos.

Porén, son poucas as directoras de asociacións tradicionais, ou de grupos de baile.

Moi poucas [ri]. De grupos que teñen unha escola moi grande detrás, cabemos nos dedos dunha man. É moi difícil conciliar. Necesitas apoio pola outra parte, se non é imposible, e tamén un grandísimo esforzo persoal.

Fala de apoio. Vostede lamentou moitas veces a falta de amparo institucional. Como se leva unha asociación coma Donaire nese marco?

Pois con moito apoio dos integrantes, con moita vontade e con moi poucos cartos [risas]. Agora temos un convenio que é bastante bo co Concello, e consiste nun número de actuacións fixadas ao longo do ano. Tamén temos certas axudas por parte da Deputación. A nivel de Xunta, non temos ningunha.

Teñen peticións para o novo goberno municipal?

Se hai un apoio por parte dos cidadáns, agardamos que do novo goberno tamén tiñamos ese apoio. Sobre todo porque os nosos festivais son un éxito. O Berce de Donaire, onde só actúan nenos de ata 12 anos, este 2019 encheu o Colón unha semana antes.

Na súa infancia, di que a música foi unha vía de escape. O é tamén para eses alumnos máis cativos?

Desde logo. Bailar cura moitísimo o espírito, toda a música te beneficia a nivel persoal e de actitude ante a vida. Pero no tema dos adolescentes é tamén unha válvula estupenda de escape. En vez de estar noutros ambientes máis perigosos, están nunha asociación cultural. Imos todos xuntos de cea, de festa...

O tradicional volve ser punto de encontro?

Si. Cando eu empecei a dar clase, que tiña 15 anos, estaban as asociacións cheas, había grupos de baile en cada parroquia. Pero, a comezos dos 2000, houbo un parón. A xente da miña xeración foino deixando, e houbo un baleiro durante uns anos. Moitas veces o descoñecemento e certos tabús que temos na cabeza é o que non nos deixa. Non podemos amar o que descoñecemos.

Cal é a vía para solucionalo?

Se incluímos desde a educación o coñecemento da nosa música e baile, poderemos chegar moito máis lonxe. Pablo Díaz„ o meu home„ e eu, estivemos dando un curso de formación para o profesorado de educación física e música. E eu creo que os convencemos a todos para que lles ensinen aos nenos a bailar e cantar. Se por aí lle imos dando importancia, o van coller con moito máis agarimo.