Quedaban apenas uns anos para a súa morte cando se coñeceron. Foi tan só un encontro fugaz, un intercambio rápido de verbas nunha viaxe en automóbil, pero Santiago Fernández o lembra con viveza. Aquel día de 1977, cando se plantou ante a porta da súa casa para levalo a Escola Dramática Galega, o director de Casahamlet quedou impactado por Luís Seoane. "Era un home forte, parecía case un embaixador máis ca un artista, e o primeiro que me preguntou foi: '¿Ti que galego falas, o oficial ou o galego-portugués?", rememora o actor, que achou unha resposta cauta. "Eu o de Muros", dixo.

Aquela preocupación lingüística era unha das moitas que ocupaban a mente de Seoane eses días. Era un autor "intransixente" cos "academicismos" no idioma, pero tamén coas inxustizas do pobo, co exilio ao que el mesmo viuse empurrado cara a Arxentina, e que criticou nos seus debuxos e nas súas escrituras. A súa pluma, como o seu pincel, a cargaba "a carraxe" do que crea con acidez, do que fala desde "as vísceras". Pero a sombra proxectada polos seus debuxos deixou eclipsada esa faceta de dramaturgo e poeta, que esta tarde Fernández proponse desvelar ás 20.30 horas na Fundación Luís Seoane.

O actor, xunto ao seu compañeiro no estudo, Manuel Lourenzo, ofrecerá un coloquio„ Seoane poeta e dramaturgo„ sobre esa cara "descoñecida" do artista, do que lerán poemas e textos dramáticos. Recitaranse os versos de As cicatrices, "títulos significativos" como Na brétema Sant-Iago, e aquel lamento da diáspora que o autor fixo en Fardel d'eisilado.

A pintura era a principal ferramenta de traballo do artista, pero quedábaselle curta cando o sentimento o superaba en exceso. O autor "poñía en verso aquilo que non era capaz de expresar cos pinceis", e daba forma a unha "poesía de pancarta", ás veces difícil "para o oído" pero, asegura Fernández, sempre mortal para o corazón.

"Facer un recital de Seoane é un traballo moi sisudo, porque é pólvora. E á pólvora, se non lle metes unha magnolia de cando en vez...", reflexiona o intérprete, encargado do perfil poético no acto. Con el, pretende "pór enriba da mesa" o que "poucos saben", que Seoane "era un home moi renacentista, que tiña un concepto moi completo do arte". De que pasaran máis a historia os seus lenzos ten a culpa que "apenas ninguén vive do verso", feito que obrigou ao autor a "buscar á vida" paleta en man, e a converter os seus poemas nunha creación residual entre toda a que se conserva.

En segundo plano quedou tamén a súa dramaturxia, con pezas como A soldadeira, aínda nunca representada. O título é para Fernández "o gran reto do teatro galego", antes complicado pola censura e agora polas esixencias económicas dun gran reparto, e que só conta polo de agora coa lectura dramatizada que emprendeu o ano pasado o director Lino Braxe.

Aprender con Seoane

Na cita desta tarde, será Lourenzo o encargado de abordar a obra, que sitúa os problemas de Galicia na era medieval. Estreala no seu estudo sería un soño para os mestres de Casahamlet, tranquilos porque imaxinar, hoxe por hoxe, aínda non custa cartos. "É que tería que empeñar a miña casa para facelo, e non estou disposto", apunta Fernández entre gargalladas.

O encontro con Fernández e Lourenzo encádrase en ActuACoruña, un programa moderado polo actor Mateo Franco, e que inclúe estes días leccións maxistrais de interpretación con Carmelo Gómez e Emi Ecay. Malia que a sesión desta tarde na Seoane será aberta para todo o público, e non só para aqueles interesados na dramaturxia, o acto terá un pouso de formación, polo seu protagonista e polos seus coordinadores. "Os asistentes van aprender dun mestre como Lourenzo, e dun profesor coma min", di Fernández, que adoita empregar os textos do artista cos estudantes do seu centro. Mañá, ás 19.00 horas, os actores pecharán o curso na escola co espectáculo Xente de pálida pel, a partir do análise de varios autores.