Di que na súa carreira non hai liñas vermellas, e teno máis que demostrado. David López, coñecido coma David Amor, tanto presenta un programa como actúa, modela ou fai comedia. Esta tarde, en dous pases ás 21.00 e 22.00, amosará esa última veta nun monólogo, co que inaugura Los miércoles del humor que o Espacio Mahou orquestrará no Edificio Labase. A cita serviralle para probar ao público coruñés antes do seu regreso no mesmo marco o 17 de xullo, e máis tarde, en outubro, co seu espectáculo Lechazo á feira.

Ten varias citas este ano en Galicia. Non sei ata que punto é casualidade...

[Risas] Sempre que podo traballo en Galicia, porque durmir na casa da moito gusto. Todo o traballo que sae aquí o gozo máis. Tampouco son o mesmo cando actúo aquí que cando o fago fóra.

Muda o David que vemos?

Digamos que fóra son máis metódico e aquí gústame máis contar lideiras. Que pode que en Galicia son peor cómico por iso [ri], pero como estou na casa, teño outra confianza. Agora andei cos programas de televisión, e probablemente mañá [por hoxe] irei por aí. É un medio que me gusta moito.

Porén, lamentou algunha vez a presión que se está a xerar no ámbito televisivo.

É que ao final sempre hai moitas polémicas innecesarias, e que fan moito dano, aínda que despois duren dous días. A xente lle da demasiada importancia a cousas que non a teñen.

Por iso ten tantos frontes abertos na súa traxectoria?

Eu fágoo un pouco para poder xantar [risas]. Pero tamén é circunstancial, porque teño moita inquietude, e gústame arriscar e facer cousas novas. Facer monólogos, televisión... Eu non me vou a limitar, que sexa a xente a que me limite. E iso, por desgraza, acontece moito neste mundillo.

Fala desde a experiencia?

Si. Como fixen El club del chiste, logo non me chamaban para facer series. Despois, como as series que fixen eran comedia, non me chamaban para dramas. Fas uns programas fóra e aquí e dinche: "É que ti estás fóra...". Pero pásalle a todo o mundo e, ás veces, rómpense as barreiras.

Vostede rompeu mesmo a de cantante, en Tu cara me suena.

Que eu gañara cartos cantando é unha vergoña para o mundo da música, sendo sinceros [risas]. Pero ese é un programa que me deu moito respecto e penseino moito antes de ir. Malia así dixen: Por que non? Son un tipo alegre, gústame rir, e creo que hai poucos momentos na vida nos que hai que poñerse realmente serio.

Di que de cativo nunca foi o gracioso da clase. Non estaba en proxecto David Amor?

Non, para nada. De feito, eu sempre me vin máis como espectador. Fun un neno feliz, pero nunca o gracioso da familia. Un día vinme diante da cámara, pero gozo máis dirixindo a compañeiros.

Vese ultimamente moita colaboración entre vostedes. O colectivo apartouse definitivamente dos individualismos?

Eu creo que sempre foi un colectivo moi unido. Cando empecei fai 19 anos, había tres grandes referentes: Carlos Blanco, Quico Cadaval e Cándido Pazó. Eran tipos que funcionaban individualmente, pero que nos apoiaban moito. O noso traballo ao final é un casting constante, non é nada complicado desaparecer, e hai que actualizarse. Estar en contacto con outros colegas enriquéceche, e axúdache moito a despexar.