Naceron co feminismo por bandeira, e fóronlle sumando no camiño todo un caldeiro de revindicacións, nas que caben desde a loita pola lingua, a diáspora, ou a diversidade sexual. Esta semana, no marco do Orgullo 2019, os membros de The Tetas' Van achegarán as súas versións guerreiras cun dobrete no Colón (hoxe, 20.00 h) e no Campo da Leña (mañá, 21.30 h), ao que engadirán outro directo o sábado no bar 5incuentaytr3s (20.30 h). As datas enrédanse na complicada axenda da banda, que distribúe o seu tempo entre o lanzamento do seu albume e o grupo As Irmandiñas. Trátase dun proxecto a varias mans con Sacha na Horta, Oîma e Habelas Hainas, no que traballan pola visibilización da muller.

Unha banda de mulleres, e ademais cantando en galego... O desafío é dobre?

Exactamente. Son loitas de reivindicación, o papel da muller e o uso do galego, que é a lingua máis bonita do mundo. Hai unha diferenza clara home-muller, e tamén galego-castelán, porque unha lingua ten un status por enriba do outra. Trátase de reivindicar as minorías.

Segue a ser unha a muller no escenario?

Pouco a pouco van xurdindo máis bandas formadas por mulleres, hai unha clara diferencia respecto a cando comezamos nós. Pero tampouco é un boom. Á hora de participar nos festivais, por exemplo, a presenza real non é equitativa. Por iso queremos visibilizar a presenza feminina no escenario, e que non pase o de: "Fíxate, unha chica tocando o saxofón!". O obxectivo é que se acabe normalizando.

Fala dos instrumentos, pero outra das grandes loitas feministas na música é contra a obxectificación.

Eses detalles seguen aí. Sempre tivemos moi bo acollemento, pero é certo que ás veces o que lle interesaba á xente que nos facía as propostas era unha sexualización do noso traballo. Tennos pasado chegar a un bar e que nos dixeran machistadas de: "Quitade a roupa!". Ou de fallar algunha de nós, falalo coa organización, e que nos pregunten se a substituta estaba ben fisicamente.

Versións como As mozas somos guerreiras, cántanse con carraxe ante feitos coma eses?

Nós dicimos que ese é o noso himno. A canción orixinal é bastante machista, pero cambiámoslla para reividinciar ás mulleres galegas. Empregamos tamén un tema de Los Ramones onde falamos de mulleres a nivel mundial ás que nunca se lles deu a importancia que merecen.

Adaptan temas de Patti Smith, de Coz... Hai querenza polo rock.

Era a base inicial do proxecto, pero cos anos foise modificando. Agora estamos a tocar algúns temas pop dos 80. Iso si, sempre empregamos cancións bastante coñecidas, para que teñan un toque de chamada para ao público.

A xente corea as melodías populares. Como recibe as líricas que propoñen?

En xeral, chámanlle a atención. Inicialmente ves caras raras, nas que a xente entoa a canción orixinal, pero se ve que pouco a pouco van entendendo o que estamos intentando transmitir. Iso é moi bonito.

Os directos desta semana englóbanse dentro do programa do Orgullo. Canto peso ten a diversidade sexual nesa mensaxe que lanzan?

Nós apoiamos todas as diversidades. Temos temas que dedicamos ao amor libre, coma 99 red balloons, no que reivindicamos os amores de todas as cores. Tamén o Olé olé, no que falamos do amor ao noso corpo. Tocamos esa parte porque o feminismo fala tamén desa diversidade de identidade de xénero e sexual.

Agora andan a piques de cumprir os 10 anos. Non tarda xa ese albume tantas veces prometido?

O estamos a preparar, pero por unhas cousas ou outras estamos coa broma de que en 2030 sairá publicado [risas]. Polo camiño houbo embarazos, a baixista foise a estudar fóra... Pero non fixo que se desestructurase a banda. Fomos solucionando os cambios, e agardamos que todo siga como ata agora.