Unha viaxe á Galicia do neolítico. A 10.000 anos atrás, cara a unha terra moi distinta da de hoxe, e chea de mitos que se esqueceron co paso do tempo. O tránsito, de Xosé Luís Ramos, atopa a pegada galega en escritos tan dispares como a Biblia ou a tradición irlandesa. Este mércores, 17 de xullo, na sede de Cántigas da Terra de Ramón del Cueto (19.30 horas), o enxeñeiro coruñés exporá as pescudas feitas na súa obra, primeira entrega da saga Ericia, na que intercala as lendas cun relato ficticio de selo propio.

Un home de ciencia que se interna na fantasía. Non é contraditorio?

[Risas] Non, non. É certo que o 90% do que escribín era técnico. Pero teño feito cousas doutro xeito, e este libro é como unha cebola que ten moitas capas. É a historia dun grupo de galegos que utilizan unha máquina do tempo e van parar hai 10.000 anos. Explícase a historia daquela época, como era o clima e a minería na Galicia, e tamén os conflitos.

Vostede é experto en investigación enerxética. Como se lle deu a literaria?

Documenteime ben e fun adaptando á trama os mitos clásicos. Dirixinme á tradición celta e irlandesa, que son as fontes máis antigas. A historia que vén nos libros comeza fai 6.000 anos, pero os mitos anteriores están esquecidos. Onde máis se atoparon foi nos vellos libros irlandeses. Aí hai cousas moi interesantes que teñen que ver cos galegos.

Somos terra de lendas?

Si [ri]. O primeiro libro desta triloxía baséase o 99% en Galicia. Hai moitas historias que veñen na Biblia incluso e que teñen que ver coa Galicia de fai 10.000 anos.

Di que aquí recolle unha versión "lóxica" das historias que circulaban entón. Non é todo ficción no mundo das lendas?

Non. Unha vez que lle empezas a meter o dente aos mitos, ves que teñen moito de lóxica. Moitas veces os historiadores o que fan é adaptar as lendas aos descubrimentos. Por exemplo, ti colles a Ilíada de Homero, que eran tradicións pasadas de boca a orella, e ves que anos máis tarde descubriuse Troia. Tamén está o mito de Adán e Eva, que non se chamaban así. Aquí eran Ames e Abes.

A súa triloxía céntrase moito en relatos relixiosos coma ese. A fe é a maior creadora de lendas?

A relixión crea as súas lendas, e rímaas coas súas sardiñas. En cantos sitios típicos de relixión antiga en Galicia montou enriba unha igrexa o cristianismo? Se empezas a escavar antes del, ves que había extractos de cultos no mesmo lugar, porque aqueles enclaves tiñan algo que influía na relixiosidade da xente. Moita da historia que coñecemos de Galicia vén do século XIX, pero as cousas anteriores eran diferentes.

E as de hoxe? Seguen a ter peso os mitos na era das pantallas?

Os mitos sobreviviron en certas costumes pequenas que aínda se manteñen, como o Samaín, que vén nas sagas irlandesas. Tamén lavarse ca auga das herbas do San Xoán, saltar as fogueiras... Pero pouco máis. Na vida normal das persoas, as lendas antigas non teñen repercusión, aínda que é algo aparente. Hai que ter en conta que somos o que vimos sendo desde moi lonxe. Pero non nos decatamos.

Cos seus escritos, vostede abre os ollos a esa realidade. A literatura é o seu plan de futuro?

Si, pero doutro xeito. Vou facer unha literatura tecnolóxica moi forte, sobre a repercusión que pode ter a tecnoloxía. Eu saquei o meu doutorado en Intelixencia Artificial, e penso que hai que terlle moito mediño. Pero non á intelixencia en si, senón a quen está detrás dela. As grandes corporacións o que buscan ao principio é gañar cartos, pero logo o que queren é o control. E non estou falando de dentro de 300 anos, senón de aquí a uns meses. Falo dun presente futuro.