As Irmandades da Fala naceron co obxectivo de fomentar a lingua galega e rexenerar Galicia. Vilar Ponte e Lugrís Freire, membros das Irmandades, decidiron organizar varias xuntanzas campestres en Elviña coas que pretendían reivindicar a patria, o idioma e a importancia do galeguismo na época.

A primeira destas xuntanzas tivo lugar en 1916 e repetiuse en 1918 e 1919, contando cunha gran asistencia, así como coa presenza de diferentes personaxes relevantes do momento.

Un século despois, a asociación veciñal Os Rexumeiros de Elviña e Castro, a asociación cultural Tempo Novo e o colectivo lugrisán In Nave Civitas decidiron volver a preparar esta romaría. "Queremos reivindicar a nosa identidade propia", explica Xoán Romeu, tesoureiro da agrupación Tempo Novo, quen considera que Elviña "é pobo", e que é moito máis que simplemente a zona da universidade.

A comezos do século XX os labregos e habitantes da parroquia de Elviña comezaron a rebelarse contra o dominio das súas terras, que como resalta o tesoureiro, "a xente quería loitar por todos eses terreos que posuía a igrexa".

Na actualidade, 103 anos despois da primeira xuntanza, a situación continúa a ser semellante no barrio segundo comentan desde Tempo Novo. Ante os cambios dalgúns nomes das zonas e as diferentes expropiacións levadas a cabo en Elviña, os veciños decidiron retomar estas quedadas de forma anual, como unha forma de reivindicación coa que dar visibilidade ao barrio ao mesmo tempo. "As expropiacións, que o castro estea pechado ao público, o tema do ofimático... todo isto nos fixo levantar e retomar esta loita", resaltan desde a asociación.

Por cuarto ano consecutivo , hoxe celébrase esta romaría popular, que comeza ás 12.00 coa saída dos romeiros desde o aparcadoiro da rúa Salvador de Madariaga, os antigos terreos da Granxa de Monelos. A primeira parada realizarase na praza Emilio Jaspe Deza,para facer un descanso e tomar un refrixerio antes de seguir coa romaría. A ruta, moi semellante á orixinal, chegará ata o campo das Maceiras, próximo ao Castro de Elviña, que as agrupacións estiveron acondicionando para a ocasión.

Alí os veciños e participantes da xornada celebrarán un xantar no que cadaquén levará a súa propia comida. A música e os bailes correrán a conta dos presentes, e desde as agrupacións animan a todos a vestirse con roupas "da época", que parezan propias do momento no que comezaron a realizarse estas quedadas, salientaba o tesoureiro de Tempo Novo.

Na época das Irmandades, a asistencia e a importancia destas xuntanzas era moita. Xoán Romeu sinala que a presenza de intelectuais como Lugrís Freire ou Vilar Ponte era un gran aliciente para moitas persoas para sumarse a estas romarías. "Descoñecemos exactamente cantos intelectuais da época se xuntaron nestas xornadas", resalta.

Estes últimos anos nos que varios colectivos decidiron recuperar esta tradición, a asistencia foi moi boa segundo comentan desde Tempo Novo. O número de participantes aumenta cada edición. "O ano pasado calculamos que asistiron unhas 75 persoas", sinala Romeu. Este proxecto cultural de reivindicación busca quedarse durante un longo tempo na comunidade. "Que se recorde a historia de Elviña, máis aló da batalla", destaca Xoán Romeu.

A situación de peche do castro é outra das preocupación dos veciños, que reclaman que este estea aberto ao público para que todos os coruñeses poidan disfrutar desta xoia do patrimonio da cidade. "Hai unha riqueza que nin se sabe, só está excavado un 30% do castro", resaltaba Romeu, quen sinala que este castro constitúe os restos máis antigos da cidade "incluso máis que a Torre de Hércules".