"Temos moita teoría detrás, aínda que a xente non o crea. Amosar como as pezas van evolucionando é moi interesante, malia que non sexa habitual que se faga sobre un escenario". A que fala é a directora Gena Baamonde, a poucos días de abrir as tripas da súa última montaxe, Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, no Teatro Rosalía. Por segundo ano, e da man do Colectivo RPM, o recinto será a sede de Oasis Paraíso, un programa triplo de creación contemporánea concibido para desvelar ese proceso artístico que adoita ocultarse tras o pano.

Antes da estrea, e de que se acendan os focos, escorrégase entre os dedos dos artistas todo un percorrido de investigacións e interrogantes. Os seus puntos de partida poden xerar sorpresa, sobre todo si se fala de arte experimental, o eixe vertebrador das representacións que terán lugar este sábado. A partir das 20.30 horas, e como apertura da nova tempada do TRCDanza, Baamonde, Marco Antonio Regueiro ( Sobre o concepto do tempo) e a compañía ArtesaCía ( Illas desertas) levarán os seus á escena, onde se explicarán desde teses de doutoramento ata antigos ritos funerarios. Trátanse dalgúns dos temas que inspiraron as pezas, hoxe aínda en desenvolvemento, logo de ser seleccionadas para as Residencias Paraíso do ano pasado.

"Este programa é un diálogo entre as residencias e os artistas, e un xeito de darlles visibilidade. Despois da creación ten que vir esta segunda capa de circulación do traballo, de forma que o público o goce", explica Caterina Varela. A bailarina é cofundadora do Colectivo RPM, responsable xunto Agadic dunha iniciativa de estancias para artistas locais e nacionais. Oasis Paraíso é para ela "unha ventá" cara a edición do ano pasado, que permitiu a oito creadores iniciar as súas pezas en espazos de toda Galicia.

"Quixemos darlles un soporte para facer o seu traballo, e cubrir unha necesidade do sector. Hai unha carencia de espazos para levar a cabo a creación, sobre todo de danza", apunta Varela. Para solucionalo, en 2017 abriu un programa de residencias, que repartiu en 2018 18.000 euros para cubrir o proceso artístico dos seleccionados. Á convocatoria presentáronse arredor dun centenar de autores, a mesma que este ano, no que a axuda monetaria ascendeu a 20.000.

Desde o colectivo de creadores aseguran que a iniciativa é unha das poucas que existen para o seu traballo, para o que demandan máis axuda das administracións. "É raro que os concellos aposten pola arte experimental, porque cren que o público non vai, e prefiren encher os teatros que acostumalo a outro tipo de contidos", lamenta Roi Fernández. O membro de ArtesaCía apunta a un desequilibrio nas axudas, e a unha "falta de implicación" das institucións á hora de promover os contratos. "Ir tecendo vínculos cos directores teatrais" é precisamente o seguinte obxectivo do Colectivo RPM, que pretende dar o salto á programación para levar os contidos xerados ata as táboas.

Do académico á arte

As pezas que se exporán este sábado parten de longos procesos de investigación, en ocasións académicas. É o caso de Metodoloxías carroñeras para corpos invertidos, a obra que Baamonde leva a cabo xunto á bailarina Andrea Quintana, na que traduce á linguaxe escénica as cuestións da súa tese de doutoramento Sexualidades des-xeneradas na práctica escénica contemporánea. A obra, que se inicia como unha conferencia, cuestiona a lectura "heterosexual e estereotipada" que se fai dos corpos dos bailaríns, e trata de amosar que "hai moitos máis tipos de homes e mulleres dos que se representan en escena". Ao traballo quédalle aínda por diante moito camiño, o mesmo que a Illas desertas, para o que Fernández establece o 2020 como data de estrea.

A peza leva xéstandose arredor dun ano, como parte dun proxecto que incluíu desde unha exposición en Santiago de Compostela ata un filme actualmente en posprodución. Son pólas lóxicas para unha obra baseada na transmedialidade, na que a compañía mestura teatro, danza, videompapping e cine en directo, ademais da interacción co público a través de códigos QR. Desde ArtesaCía afirman que a meta non é "contar unha historia", senón "provocar ao espectador" con distintos "impulsos" para que vaia "construíndo a súa propia illa deserta". Esa idea de soidade foi o epicentro do proceso desenvolvido pola compañía no Pazo da Cultura de Narón, onde Fernández e a actriz Laura Villaverde tomaron como exemplo aos "camiñantes que se apartan da sociedade".

Cara o pasado, e cara a morte é a onde mirou Marco Antonio Regueiro para a súa proposta, na que recupera a coñecida como danza do abellón. "É un baile folclórico dos velorios, nos que a xente se tomaba das mans e facía o son das abellas mentres xiraba arredor da caixa. Pensábase que o primeiro que perdese o ritmo sería o seguinte en morrer", explica o dramaturgo. Nos próximos meses, Regueiro acometerá a escritura do guión, e a busca de actores cos que ampliar a exhibición escénica. A que presentará este sábado terá forma de relatorio, con varias pezas audiovisuais, coas que reflexionará sobre a perda das supersticións e os xeitos de superar a morte.