Noticias | Agenda

Coa identidade fronte a cámara

O grupo de estudos da USC presenta no CGAI 'A foresta e as árbores', un traballo de investigación que analiza as olladas dos creadores do Novo Cinema Galego
16-09-2019 18:48
0 votos
A cineasta e escritora Margarita Ledo, onte na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. La Opinión

A cineasta e escritora Margarita Ledo, onte na Facultade de Ciencias da Comunicación de Santiago de Compostela. La Opinión

O deserto que deixou tras de si a Guerra Civil, a idea de apostar polas dobraxes e aquel afán, nos anos 90, de facer cinema con vistas aos circuítos comerciais. No seu percorrido, o celuloide galego vagou por tempos desorientado, ata agromar nun novo territorio no que logrou finalmente enraizarse na última década. Foi entón cando xurdiu "esa noción de pequenas cinematografías", e o compromiso con filmes "de identidade" nos que a lingua fora máis "un valor engadido" que un obstáculo. "Aí é onde o cinema galego acerta", asegura a cineasta Margarita Ledo, que estuda desde hai anos a cinematografía creada baixo bandeira propia.

A catedrática de Comunicación Audiovisual da Universidade de Santiago de Compostela (USC) coordinou a publicación A foresta e as árbores. Para unha historia do cinema en lingua galega (Galaxia), que presentará este venres no Centro Galego de Artes da Imaxe (CGAI) (20.30 horas). Trátase dunha análise en profundidade do coñecido como Novo Cinema Galego, na que se exploran as pólas da creación contemporánea cinematográfica a través dunha escolma de obras dos últimos dez anos.

Profesionais adscritos ao centro, coma María Soliña Barreiro ou Fernando Redondo Neira, son algúns dos analistas dos títulos do libro, nacido ao abeiro do proxecto Euvos. Patrimonio Cultural Inmaterial. Para un programa europeo de subtitulado en linguas non hexemónicas. O volume é o segundo que o grupo de estudo da USC publica tras Marcas na paisaxe, no que realizou un repaso da tradición fílmica galega, e que editou como parte dunha triloxía que se completará co lanzamento de De illas e sereas o próximo ano.

"Queremos trasladar á sociedade os resultados da investigación, a través de algo que lles sexa útil. Seráo por exemplo para os programadores que queiran montar un ciclo de cinema galego, e que poderán ver o repertorio que hai dun xeito máis rigoroso que nun catálogo propagandístico", explica Ledo.

O abano de obras que atoparán abrangue desde ficcións ata documentais, distribuídas en preto dunha decena de olladas. O estudo afonda en pezas filmadas desde a perspectiva familiar como Tódalas mulleres que coñezo (Xiana do Teixeiro), no tópico do galego traballador de curtas coma Matria (Álvaro Gago), ou no psiquismo de Arima (Jaione Camborda), que pon o foco na frecuencia temática das aparicións e desaparicións no cinema galego.

As liñas máis comúns, porén, están nas arestas apegadas á terra. "O xeito de filmar a paisaxe é unha constante, e tamén a emigración", apunta Ledo, que estará acompañada na presentación por José Luis Castro de Paz. O historiador da arte é o autor do capítulo dedicado á perda, no que analiza filmes como Trote, de Xacio Baño. O filme poderá verse logo do relatorio no CGAI, no que se ofrecerá unha panorámica dos lazos que arroupan aos creadores galegos contemporáneos.

"É un grupo difícil de clasificar, pero que está a explorar novos territorios. Unha das cuestións que está xurdindo son os filmes feitos por mulleres, e tamén unha tendencia a facer pezas máis narrativas e menos experimentais", conta Ledo. A catedrática suma aos puntos en común á produción, "cando se pode", con maiores orzamentos, unha posibilidade que está a esgotar a idea de que o cinema galego sempre se roda desde a pobreza. A coordinadora agradece que comezaran estas "axudas ao talento", pero pide máis compromiso por parte da administración, á que reclama posicionarse sobre o celuloide en Galicia.

"É necesario crear medidas para que o noso cinema poida viaxar mellor", indica Ledo, en referencia ao subtitulado ao galego dos filmes foráneos. A cineasta asegura que non cumpren o trámite "nin o 2% dos que chegan dos festivais, que contan con subvencións públicas", e pide "unha política de subtitulado en salas como a que posúen outras comunidades como Cataluña e o País Vasco".

Compartir en Twitter
Compartir en Facebook