A súa forma de ver a vida, as súas relacións persoais e, sobre todo, a súa música. Iso é o que se descobre en Guadi Galego. Pola beira da canción, o retrato que o divulgador Pepe Cunha debuxa sobre a cantante cedeiresa. O volume é o primeiro que publica o autor, logo de máis de vinte anos no programa musical Ábrete de orellas. Esta tarde, ás 20.00 horas, presentará´en Moito Conto o seu volume, que promete ser o primeiro de varios con Edicións Embora.

Estamos ante unha biografía?

Máis ou menos. Pretende ter unha parte biográfica, pero só no que ten que ver co musical. Pero a música e a carreira de Guadi son dúas partes moi unidas. Eu fago unha especie de relato acompañado de entrevistas e recensións de discos, que eran as cousas coas que estaba máis familiarizado.

Din que o que os demais ven de nós é moi diferente ao que vemos de nós mesmos. Coinciden esas visións no caso de Guadi Galego?

Si. É imposible atopar a unha persoa que te falara mal de Guadi. Hai algún 'pero' na súa carreira artística, pero a nivel persoal foi imposible atopar esa parte morbosa. O punto máis duro da súa traxectoria, cando marchou de Berrogüetto, foi entendido co tempo.

Non provocou detractores o seu paso do folk ao pop?

Deixou todo amigos, pero é a etapa que quixen tratar con máis visión. Para os que seguíamos a música que se facía no país foi un choque que a cantante da nosa banda máis internacional decidira deixalo, sobre todo cando estaba nunha posición acomodada que outros músicos conservan. Ela decidiu que a súa parte artística lle pedía outras cousas, e así o fixo.

Fala de arriscar. Para vostede tamén foi un risco lanzarse á escrita?

En certo modo si, porque nunca me plantexara escribir. Pero me propuxeron facelo sobre algún artista que elixira. Pensei en dous, pero fixen unha especie de artigo longo sobre a vida de Guadi e vin que podía encaixalo nun libro con máis contidos. Polo que me din levoume pouco tempo escribilo, pero é porque estaba moi cómodo. Sempre que hai un disco de Guadi préstolle moita atención, así que non era un libro de encarga.

Quen era o outro artista que contemplaba?

Magín Blanco, que vai ter oco nesta colección. Esta é unha proposta de Edicións Embora, que pensou que había un camiño que cubrir, e que a calidade de moitos artistas galegos está eclipsada e non ten a divulgación necesaria.

Que outros artistas galegos merecerían pasar ao papel?

Posme nun aperto! [ri]. Obviamente Uxía, que é como a madriña da música galega polo mundo adiante. E tamén Xabier Díaz. Son varios os artistas galegos que merecen un libro, e outros o merecerán en dous ou tres discos.

No seu programa, Ábrete de orellas

Como compositora, me parece que é o top na música de autor. Pero claro, se nin nós mesmos nos cremos o que temos, dificilmente o van crer fóra de Galicia... Na radio a miña idea era abrir as orellas.

Temos que abrir a mente, ademais?

Si, si... E que isto de agardar a que nos digan en Madrid ou en Glasgow, como pasou con Tanxugueiras, que temos un grupo tremendo... Por que temos que esperar a iso? Seguramente, se aquí houbera unha escena como a de Cataluña, Guadi sería supercoñecida, pero eu teño compañeiros que non saben quen é. Iso xustifica máis seguir facendo Ábrete de orellas, e seguir escribindo libros sobre artistas galegos.