Di Miro Casabella que está "de volta de todo". De gravar discos e de buscarlles un espazo, malia ter máis de 500 cancións inéditas. O músico, último en activo de Voces Ceibes, xa non ten hoxe alento para a loita. Cumpriu con ela fai máis de medio século, da man da Nova Canción Galega, á que deu vida xunto ao colectivo cun concerto en Santiago na década dos 60.

A actuación tivo daquela de presentador a Manuel María, ao que o intérprete renderá este mércores 25 homenaxe no marco das XI Lúas de Outono. O espectáculo, no que participarán Uxía e o grupo Molime, lembrará no Rosalía (20.30h) a figura do poeta, do que se cumpren 15 anos do seu falecemento.

Que lembra se lle digo 1 de decembro, 1968?

Recordo perfectamente o día, e como estaban os ánimos na Universidade de Santiago nese ano 68, que era o da revolta francesa. Lémbrome do movemento estudantil que había e do seu compromiso con Galicia. Manuel María veu presentar o concerto, e pareceume moi culto e elegante.

Mantiveron relación a partir de alí?

Despois do concerto, colaboramos en moitos actos e fixen cancións das súas poesías. Pero o certo é que eu xa o coñecera en Barcelona, cando fora facer un selo discográfico, no ano 67.

Precisamente Barcelona foi unha inspiración. Vostedes querían seguir a estela da Nova Cançó Catalá...

Había varias coincidencias, como que a mesma editora dos cantantes cataláns foi a que se interesou por facer as nosas gravacións. Eu coñecín a moitos deses músicos, como Lluís Llach ou Pi de la Serra, e iso facilitoume moito as cousas. Vin que o seu propósito era semellante ao que tiñamos nós: cantar no noso idioma.

Agora, coa perspectiva que da o tempo, diría que Voces Ceibes cumpriu as expectativas coas que nacera?

Eu diría que si, e amplamente, porque foi o punto de arranque que potenciou todo o que veu despois: unha radio e televisión galegas e moita xente que participa no mundo da nosa cultura. Se non existira Voces Ceibes, que nese primeiro momento deu a cara para cantar no seu idioma cunha serie de reivindicacións sociais moi arraigadas na terra, ao mellor a evolución cultural iría por outros camiños.

Confesou, porén, que as súas metas pecaban de inxenuidade

Eu pensaba que era unha utopía. Pero, se non temos unha que reivindicar, estamos perdidos. E a xuventude loita pola utopía.

Como ve á que lles tomou o relevo no eido musical?

É dunha riqueza extraordinaria. Temos xente dunha calidade impresionante, e todo iso nace de cando nós saímos a cantar unha música diferente á folclórica.

Ata entón era o que dominaba. Estaban fartos do popular?

É que nese momento o folclore estaba bastante manipulado. Estaban os coros e danzas, e todos os movementos da Falanxe, que fixeron del unha ferramenta para espallar o que lles interesaba. É unha sorpresa a que se levan cando aparecemos, tivemos bastantes encontronazos coa música popular.

Resultaban incómodos?

Totalmente. De feito, prohibíronnos actuacións. Eu teño concertos polos que recibín multas. Trataban de poñernos atrancos, pero a música social era urxente.

Hoxe non o parece. A sociedade xa non está mobilizada?

A sociedade galega aínda non se mobilizou pola súa cultura. Pero a canción social segue en vigor. Está, por exemplo, Luis Pastor, ao que tamén lle poñen atrancos. O concello de Madrid cambiou de signo político e molestoulle que fora comunista, así que lle anularon o concerto.

Cuestións coma esas, son as que lle porían en pé de guerra hoxe?

Eu hoxe cantaríalle, por exemplo, á dexeneración do planeta. Pero tamén ao de sempre. Lamentablemente, hai cantidade de cousas das que cantaba antes que aínda seguen a ter vixencia.