Da igual do que fale a historia, que trate dunha última viaxe polas montañas de Marrocos, ou da introdución do cinema nun centro de acollida de menores. Coa súa cámara, e o seu xeito de ver a vida, Óliver Laxe sempre namora ao xurado de Cannes. As tres longametraxes que rodou ata o de agora valéronlle premios no festival, no que se facía este ano co galardón Una Cierta Mirada da man de O que arde. A obra, que narra o regreso a Os Ancares dun home acusado de piromanía, chegará este 11 de outubro ás salas da cidade da Coruña, e a outros puntos da provincia coma Ferrol, Carballo e Santiago.

Alguén tan afastado da frivolidade actual coma vostede, síntese cómodo con ese título de director estrela que adquriu?

Bueno, non estou tan afastado da parafernalia, non? Vivo neste mundo sen estar, pero estou ao corrente da actualidade. Obviamente despois teño un traballo máis da eternidade no meu día a día, pero tamén teño bastante ego.

Cannes o alimenta?

Eu creo que ir a Cannes e gañar premios é moi positivo. Porque vivimos nunha sociedade espectacular, e é importante xogar con esas ferramentas. Aínda así, eu estou a facer un traballo de buscar a sinxeleza, pero si que me afecta. O problema non é ter éxito, o problema é non ter fracasos, porque fan madurar moito.

En Mimosas

Si, para min facer películas é unha ferramenta que teño para coñecerme. Permíteme vixiarme moito. Pero teño que ter coidado, porque o cinema tamén pode afondar nas túas neurosis. Xa partes dunha moi grande, que é que estás a pedir moito amor facendo unha película. Estás dicindo: "Mirade o que fago, querédeme".

Unha película debe contar ao seu director?

Si, inevitablemente. Todo o que está detrás da cámara remata na imaxe sempre.

E que parte deixou de vostede en O que arde

Deixeime a varios niveis. O que arde é unha película moi sulfurada, que ten bastante rabia pero que é moi serena. Describe perfectamente a miña sensibilidade. Hai algo moi animal, pero logo tamén hai moita dozura.

A emprega mesmo en temas complexos, como a piromanía

Pero esta non é unha película sobre a piromanía, é sobre todo unha película sobre eses valores de certos campesiños. O que eu chamo a soberana submisión, que é acadar a liberdade cando aceptas que non es libre. Cando entendes que hai que deixarse levar pola vida. [Silencio prolongado] Creo que, neste mundo da histeria e de medos, a función do artista debe ser serenar á xente.

É tan serea a súa filosofía de vida como parece?

Bueno, estou nunha busca de control que nace dunha falta del...

Nas rodaxes podemos atopar a un Óliver Laxe que perde os papeis, logo?

Si, si. Pero precisamente por iso é bo o cinema. Madurar na vida é manter o control nas situacións máis extremas, e o cine é un arte de imperfección. Depende de tantos factores... Levas anos traballando nunha película, e todo se xoga en seis semanas de rodaxe, con 40 persoas facéndote preguntas. Que se o clima, que se vai haber incendios, que se rodar aos animais...

Deu por perdido nalgún intre o proxecto?

Non. Ben, si foi moi complicado o feito de querer filmar lumes o ano que non os había. Pero, se nalgún momento da rodaxe teño medos, os acepto. Chegamos ao final da gravación e non había lumes, pero o mundo ten as súas regras. A vida sempre me pon a proba nas películas que fago.

Sempre remata rodando sobre a súa crueldade, e sobre a dureza do entorno. En O que arde

Acollo a complexidade do ser humano, que é fermoso pero que tamén está moi atrofiado, como o propio rural. Tampouco fago tanta diferencia entre el e o urbano, porque o rural hoxe en día lamentablemente ten valores moi da modernidade. Antes no campo había contralumes contra a idiotez, porque a propia natureza é tan dura que te fai sentir pequeno. Eu lémbrome dos meus avós, de falarme da emigración, de problemas familiares e da morte, e o facían con aceptación. Pero a xente non está capacitada para o sacrificio hoxe en día. O tipo de hábitos que temos é precisamente por unha falta de serenidade interior.

Que se perde con esa vertixe no cinema?

O problema do cine actual é que unicamente busca a excitación. A maior parte dos contidos audiovisuais de hoxe en día ou están baseados na destrución ou na distracción. Son irresponsables...

Pero tamén son comerciais. O seu é un cine de arrabalde, ou adaptado á industria?

Eu estou no centro do cinema mundial. E as miñas películas van sobrevivir, os que están na periferia son outros. Pero si que teño a sensación de que estamos nun momento no que os cineastas coma min somos animais en perigo de extinción.

Por que o di?

Porque cada vez é máis difícil que se fagan estas películas e que se vexan. Hai moitos produtores bastante hexemónicos que unicamente intentan facer produtos. Estou canso de dicir que teñen que convivir varios tipos de cinema.

Non teñen que facelo?

Non, porque non é unha convivencia simbiótica, como sucede en Francia ou Corea. Alí, se lle vai ben ao cine comercial, finánciase o cine de autor. Pero o cinema de autor en España e en Galicia non se financia do mercado, senón de fondos estatais. Iso fai que os filmes esenciais non poidan ter esa protección.

Semella que se lle esgotou a paciencia...

Non, esgotóuseme a moderación. Quero sinalar aos responsables, e botalos do templo. Que saiban que están a facer moito dano.