Era un día de primavera de 1927 cando aconteceu. E, malia que pasaran case 100 anos, as xentes do lugar aínda o lembran. Recordan ao enxeñeiro José Fernández-España, que traballaba no deseño do trazado de acceso do ferrocarril ao sur de Galicia, e o accidente automobilístico que o matou. E recordan tamén esas vías que nunca pasaron pola súa terra, que se desviaron por unha zona árida e tortuosa, e que afastaron, para sempre, aquel tren que lles fixera soñar cun futuro máis amable.

En Verín, a morte de España é lenda porque non foi morte, senón asasinato. "Hai varias versións, pero cóntase que non foi casualidade. A xente cre que os poderosos da localidade non querían ver perigar os seus intereses pola chegada do tren, e que o organizaron", explica o director de Chévere, Xesús Ron. O líder da compañía confesa que quedou fascinado coa historia, que recolleu xunto ao seu elenco en Curva España, o seu último espectáculo. A obra, que chegará ao Rosalía este venres e sábado ás 20.30 horas, afonda nas sospeitas que rodearon o acontecido, e lanza un berro contra ese poder que "determinados sectores" teñen e tiveron para "decidir a onde vai chegar a riqueza".

Di Ron que o de Verín é un bo exemplo desa potestade, porque "o tren podía promover o crecemento na zona". Porén, mandouse polo treito de A Gudiña a Ourense, unha franxa montañosa que se converteu "no tramo de máis difícil creación de toda a rede de ferrocarrís de España". A perplexidade que espertou a decisión sérvelle agora de escusa ao grupo para falar "desas zonas de Galicia que quedan abandonadas e que hoxe coñecemos como a España baleira". Tamén o propio país, e as promesas que presaxiaba, rematan no punto de mira da compañía, que anuncia a obra coma "unha alegoría da construción do Estado".

"Vimos dicir que España é produto creado hai 150 anos, e que esa idea de que ía unir a todas as provincias e redistribuír a riqueza non fraguou, porque construíuse en dirección Madrid", apunta o director, que persegue facer coa peza "un teatro honesto e á cara descuberta". Que Galicia fale do mundo é outra das metas de Chévere, que continúa coa liña localista que xa é, desde fai tempo, unha marca persoal. No seu espectáculo, a formación volve partir do propio para fotografar o de fóra, pero pretendendo interpelar "a todo o público español" para preguntarlle, baixo os focos, "se esta é a España que queríamos".

Para Ron, o fracaso do Estado é patente, mesmo en zonas coma o Verín que retratan. "Alí a súa idea de España é a de algo que se quedara ás portas do seu territorio", asegura o director, que intercambiou impresións in situ cos veciños da zona. Ao longo do ano, a compañía realizou varias viaxes, nas que recolleu as distintas versións da coñecida coma a 'curva España'. A formación atrincheirouse na biblioteca municipal, instalou unha cámara, e fixo un "chamamento popular" aos habitantes da localidade, que compartiron as súas testemuñas sobre a lenda.

As gravacións remataron por marcar o ton da peza, que se desenvolve no formato do true crime. "É un xénero moi en boga desde fai uns anos, no que se recolle un crime sen resolver e se fai a partir del un documental", explica Ron. O plantexamento da coma resultado unha mestura de linguaxes artísticas, que se desenvolven en rigoroso directo. Sobre escena, reúnense actores, editores e operadores audiovisuais, que ofrecen de xeito simultáneo unha obra de teatro, a súa rodaxe e a súa proxección coma filme na pantalla.

Cara a crueza no humor

O director de Chévere recoñece en Curva España "unha das obras máis duras da compañía", que se afasta co paso dos anos do seu selo cómico inicial. "Aquel humor máis despreocupado dos nosos comezos vai tendo un punto máis agre. Seguimos a ser gamberros, pero o tempo que levamos facendo teatro nos obriga a ver moitas cousas", conta Ron. A crítica social a acentuaban en pezas como Eroski Paraíso, coa que tamén pasaron pola cidade. Definen as dúas coma "reflexións en voz alta", coma un "berro ante a perplexidade", e coma a evolución natural nunhas táboas que, din, deben reflectir as feridas deixadas pola vida.