Afastada dos icónicos narcotraficantes, pero con toda a carga social dos seus actos. Así se presenta á versión teatral de Fariña, unha produción do escritor Nacho Carretero e de Xosé A. Touriñán, que chega esta fin de semana ao Colón con sesións dobres ás 20.30 e ás 23.00 horas e ao Festival Internacional de Outono de Teatro de Carballo o próximo venres 1. Tito Asorey, o que fora Pedro Ventura na pantalla, firma a dirección do espectáculo, que parte da actualidade para buscar as orixes da droga en Galicia. Sobre escena, non faltarán o humor nin a música, pero tampouco o drama, algo inevitable, di Asorey, nunha historia coma esta.

Foron moitos aos que se lles quedou pendente a segunda tempada de Fariña . Viñeron saldar débedas?

Non. O noso tratamento do narcotráfico ten máis que ver co libro que coa serie. Pretendemos narralo desde un punto de vista máis social, contar as consecuencias e as razóns de que este fenómeno fora posible. Non é unha segunda tempada, aínda que claro que cando empezas o proxecto pensas: "Ostras, despois da serie, do libro...".

Xurde o medo?

O que queres é que a xente estea á altura de todos os produtos que se derivaron de Fariña, pero non tememos a comparación coa serie porque o que se conta e como se conta só se pode facer no teatro. Imos xuntar á cidadanía para que se achegue a ver algo que fala dela, dunha sociedade que viu a entrada da cocaína e da heroína, e que mudou completamente por iso.

Serán varios os que o boten en falta sobre escena. E a súa personaxe de Pedro Ventura...

Iso foi un agasallo enorme. Un traballo de preparar o acento cacereño... E a pinta tamén! [ri]. Foi un papel que marcou un antes e un despois para min.

Un dos seus momentos cume foi cando interpela aos políticos. Foi o primeiro en mencionar a Rajoy.

Iso encantoume, claro [risas]. Eu tiña que imitar a Fraga. Foi un gusto facelo, porque está ben contar a historia desde todos os puntos de vista, e encomio a valentía da produtora por iso. Fariña é incómodo, pero non só a nivel político, senón para toda a sociedade.

A súa obra tamén o é?

Por suposto. Non o pretendíamos cando empezamos, pero a verdade é que non deixamos monicreque con cabeza [ri]. Pero é que comezas a afondar, e ves que hai tantos puntos escuros... Ata que punto se beneficiou a sociedade? Que responsabilidades temos cada un de nós? Fariña non pode ser cómoda. Sería o peor que poderiamos facer.

Fala dela como un xeito de coñecernos coma sociedade. Estivémonos evitando?

Si. A min dáme a sensación de que se pechou coa [Operación] Nécora. Parece que os colleron, e xa está. Pero ves que non, que aquí segue a entrar de todo. Creo que o libro de Carretero chegou nun momento no que facía moito tempo que non se falaba disto. E é necesario, porque este país é difícil comprendelo sen este fenómeno.

Fariña cheira a presente?

É que Fariña é presente. A nosa peza non remata coa Nécora, hai moito máis despois. Non é bo ocultar a historia, nin silenciar cousas que pasaron. Pero a min non me gustaría contar unha de monstros e bos. Gústanme os grises, indagar na condición humana.

Que outras partes da realidade galega quedan por contar?

Moitísimas. Desde o caciquismo actual, ata a destrución do patrimonio, os incendios... Hai moito que contar. E é vital que o escenario o faga. A xente demanda un teatro que fale da nosa realidade.