Cando Brais Morán aparcou Loretta Martin, sentiu que tiña que romper con todo. "Quería facer algo diferente para desmarcarme", explica o músico, que comezou o seu camiño en solitario a golpe de rock con Cruzando o eclipse, e mergullouse nas músicas do mundo co seu último albume, No Mato do desespero. No disco, Morán irmandaba os sons galegos con raíces de lugares afastados, coma África ou Brasil, mesturando as súas referencias. Pero toda viaxe, por moi longa que sexa, vén sempre seguida pola volta ao fogar, na que o artista aperta de novo os ritmos cos que se presentaba coa súa banda primixenia.

Disque ao so(u)l!, o seu último single, é o punto de partida dese regreso ás orixes. O tema non promete discos futuros, pero si unha "nova etapa" chea de funk e bo humor, que o músico presentará este xoves ás 22.30 horas no Garufa Club.

Fala do comezo dunha nova etapa. Non foi ese intre o de Cruzando o eclipse

Claro. Cruzando o eclipse foi o primeiro que saquei en solitario fóra de Loretta Martin. E No Mato do desespero é un disco de fusión. Pero agora ábrese unha etapa máis funkera, que avanzo con este novo videoclip. Disque ao so(u)l! é un tema moi bailable, nesta época haberá moito máis disco-funk.

Máis ca unha nova etapa, semella unha volta as súas orixes

É que realmente a esencia nunca se foi, porque sempre me caracterizou ese rollo bailón. Pero si que nos directos se van recordar moitas cousas de Loretta Martin...

Segue a haber nostálxicos da banda?

Hai moita xente que nos pregunta pola súa volta, porque foi unha banda única en Galicia por aquel entón. Cando sacamos Loretta Martin, non había grupos en galego referentes fóra do folk ou do bravú.

Foi difícil saír daquela sombra como Brais Morán?

Si. A verdade é que ao principio foi duro darme a coñecer co meu nome. Tiña un pouco de medo, pero cos anos vexo que a xente me recoñece. Aquel proxecto tivo xa o seu momento, aínda que aquela etapa está en Brais Morán. Esas vertentes que están dentro de min son irremediables e non as podo sacar para fóra.

Foi ese funk de Loretta Martin o que lle deu a coñecer. Porén, non comezou con el, senón co punk

Eu creo que o funk sempre estivo, pero cando empecei a tocar co meu primeiro grupo, Zumbido, bebíamos moito das influencias grunge de Nirvana e Soundgarden. Pero desde pequeno tiven o funk nas veas. A min me criaron con Stevie Wonder, con The Beatles, con Michael Jackson...

Xa daquela saltaba á pista?

Si, sempre fun un neno bailongo [risas]. Veño dunha familia de músicos, e sempre collía un tambor ou calquera cousa porque vía aos meus tíos tocar e eu quería facer o mesmo.

Como artista tocou todos os paus, ata o punto de gañar o Premio Martín Códax de Músicas do Mundo o ano pasado. Síntese máis recoñecido desde aquela?

Si. E a palabra é esa, recoñecido. Ata ese momento, a min non me deran un premio na música. Levaba unha traxectoria de 20 anos tocando, e o primeiro que pensas é en que a xente estate a valorar porque sabe que estás aí. Nós vivimos sempre querendo sacar cousas e chegar ao público, pero non sempre o consegues. É moi fácil que un músico se veña arriba, pero tamén que se veña abaixo.

E cando un está abaixo...?

Si que hai épocas nas que ao mellor dis: "Gustaríame parar". Pero é que non podes [risas]. Porque é a túa profesión, pero tamén un xeito de vida. Realmente, eu non son capaz de vivir sen facer música.