María Toro é unha das frautistas de jazz máis destacadas do país. Nada na Coruña, presenta o seu último proxecto con selo propio, Araras, na sede de Afundación o vindeiro venres, 8 de novembro.

O seu primeiro traballo, A Contraluz , fusionaba jazz e flamenco. O novo proxecto, Araras , incorpora ritmos brasileiros. Como se integran?

Se integran porque é o resultado das vivencias de compartir música con artistas brasileiros. Mais que unha cousa técnica de que estea metendo unhas claves concretas brasileiras ou metendo ritmos típicos de Brasil, é mais unha cuestión de vivencias. É inevitable tamén porque todos os músicos que participan son de Brasil.

O primeiro disco foi composto entre Suiza e Nova York, e o segundo en Brasil. En que se aprecia o choque cultural?

A verdade é que non ten tanta diferencia porque hoxe en día, o jazz, a música, son universais. A diferencia apréciase nos estilos, nas cores, no xeito de interpretar as melodías. A música, estruturalmente, ten moito que ver. A música moderna mistura jazz, flamenco, música popular brasileira, son estilos moi permeables. Entras en contacto con moitos outros. Non hai unhas fronteiras marcadas.

Brasil non é un país coñecido, en termos musicais, polo jazz. Que caracteriza, principalmente, ao jazz brasileiro?

O jazz brasileiro está moi fagocitado pola música popular brasileira. Non ten nada que ver o brazilian jazz co que podes escoitar en Nova York, estilisticamente falando. A nivel estrutural e musical é o mesmo tipo de música. O jazz de Brasil está moi contaminado, no bo sentido, pola música popular brasileira.

Con cal se identifica máis?

Non sabería dicir. Síntome identificada, en xeral, pola música. A música para min é algo global que abarca todo, a diferencia son estilos ou circunstancias. Non me identifico cunha música completa.

O novo disco leva por nome Araras , un ave autóctona de Brasil que lle inspirou moitas das pezas do álbum. Que ten de especial este ave?

Para min o araras representa a cotidianeidade, é un paxaro que se pode ver diariamente en Brasil, ten unhas cores moi exóticas e un canto moi particular que me inspiraba moito para facer melodías. Pola mañá, sempre estaban cantando na xanela, parecía unha orquestra sinfónica. Era incríbel, algo tan potente saído da natureza e non pactado. Intentaba, sempre, coa frauta, imitar o canto do paxaro.

En que se nota a evolución, persoal e musical, entre un e outro proxecto?

A Contraluz foi o primeiro traballo que fixen como solista, baixo o meu nome e con composicións propias. O segundo fíxeno tendo a experiencia do anterior, e sabendo que cousas me gustaban, cales se podían xestionar mellor. Tiña os obxectivos máis claros, máis temple e confianza. Son etapas diferentes. Este segundo graveino en Brasil. A estancia alí marcoume moito a nivel persoal, foron seis anos que supoño que se plasman musicalmente.

Cada país que visita deixa a súa impronta na súa música. Hai algunha conta pendente?

Moitas. Teño moitas contas pendentes. Agora encóntrome nun momento no que estou reconectando moito coa música popular galega, que é a miña infancia. Estou vivindo en Madrid, que é onde se está cocendo o tema musical, e quero gravar un disco con músicos de aquí, pero reconectando con esa infancia miña de Galicia, que implica cantigas galegas populares e tocar a pandeireta.

É necesario marchar fóra para facer carreira na música?

Eu persoalmente sempre tiven máis éxito fóra do que tiven en España e en Galicia, pero ese non foi o motivo de que decidise marchar. Sempre fun unha persoa curiosa, tiña moita necesidade de exploración, gustábame coñecer países, músicos e aprender desas culturas, por iso marchei. É verdade que sempre me sentín ben acollida fóra.

Que é o que falla aquí?

Quero romper unha lanza con isto. Agora estase a valorar moito o tema dos ritmos populares ibéricos, todo iso está renacendo. Paréceme bonito.

É complicado vivir do jazz se se quere saír dos corsés da música clásica?

Si, é difícil vivir da música popular. Para min foi difícil en calquera dos países nos que vivín. É unha carreira onde tes que ter moito tesón, hai que ser moi confiante no que estás facendo, ter os obxectivos moi claros, traballar duro. É complicado, e máis se queres ter un proxecto propio de música orixinal, que non se encaixa exactamente en ningún lugar. Tamén o é cun instrumento como a frauta, que está encasillado no mundo clásico.